InicioOPINIÓNS.O.S. Lugrís

S.O.S. Lugrís

Publicada o

Por Rodrigo Osorio

O Concello da Coruña vén de facer público que os fermosos frescos que Urbano Lugrís González pintou no baixo do número 24 da rúa dos Olmos «están en mal estado de conservación, mais son recuperables».

O Concello, que até o mes de xaneiro manifestaba que pouco podía facer por ser obras de titularidade privada, di agora que é «precisa unha actuación inmediata para garantir a súa conservación, polo que reclamaralle aos donos do inmoble que actúen para protexer o legado pictórico de Lugrís do que tamén son propietarios». E anuncia que «de non responder ou non acometer as medidas de conservación necesarias, será o Concello o que actúe de forma subsidiaria». Poden agardar os frescos polo prazo que vai dar o Concello os donos?

A propietaria do inmoble é unha inmobiliaria en liquidación, chea de débedas e que dificilmente vai asumir o custe de recuperación dos murais (os técnicos que contratou o Concello avalíano en 90.000,0 €) e o estado do inmoble e crítico: sabemos que non todas as súas fiestras ten cristais; que nos pisos superiores aniñan ducias de pombas; que a choiva fíltrase polo tellado e polas paredes medianeiras e que as galerías están a piques de caer a rúa: a auga, a humidade e os excrementos dos paxaros poñen en perigo non só a supervivencia dos murais senón a estabilidade do edificio todo. Dinnos os arquitectos que a humidade que se filtra nas paredes medianeiras deste tipo de construcións poden alcanzar os 3 metros dende o chan e ir filtrándose aos poucos no interior do inmoble, máis no caso dun abandonado como este, cando non hai unha temperatura estábel no seu interior.

A vista da Coruña, os ollos de boi, o faro de Hércules sobre o mar, o galeón, e o resto dos marabillosos frescos que Lugrís deixou no restaurante Fornos están pintados sobre esas paredes que zumegan humidade. E a auga incrementa as fendas e o balor que aínda lembramos ver hai tres anos, cando o local estaba aberto. Pode unha das obras máis senlleiras da pintura mural galega contemporánea agardar ese prazo administrativo?

A lei non obriga ao Concello a facer o requirimento. Estes murais, polo seu valor incuestionábel, integran o patrimonio de Galicia, por vontade da Xunta e do Concello. Están os nosos gobernos local e autonómico dispostos a asumir as responsabilidades, mesmo penais, da perda dos frescos da rúa Olmos?

  • Rodrigo Osorio Guerrero, da asociación cultural O Mural

ÚLTIMAS

As persoas en semiliberdade do CIS afondan na súa sensibilización ambiental

Continúa medrando o proxecto Entre Crebas, que está a convertir ás persoas que cumplen...

54 centros de ensino participarán no Día da Ciencia na Rúa

O Día da Ciencia na Rúa volverá ser unha realidade o vindeiro 4 de...

O Depor activa o modo ascenso

Xornada 33 – Deportivo 2 – 0  Cultural Leonesa Unha semana máis, un...

O Día do Libro celébrase co 150 aniversario de Picadillo, o gran supervendas da cociña

Vai coñecendo a xente da Coruña, e de Arteixo, a historia Manuel Puga y...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here