InicioOPINIÓN“Volver”

“Volver”

Publicada o

Por Alicia Barreiro Cambeiro

Xa hai unhas cantas semanas que Ubaldo me contou que creaba un novo xornal e me pedía colaborar. Non sabía moi ben como facelo.

Agradezo que Que Pasa Na Costa me dera aquela oportunidade de publicar os meus pensares e sentires naquela bonita e difícil época no consultorio de Baio. Recordo aquel que titulei Carta de amor e de protesta; agora quédome máis co amor e con outro estilo de protesta (por agora). O vello patrón xa non me serve.

Esta fin de semana Miguel axudoume co último empurrón con dous detalles: poñer a canción Volver (…”sentir que es un soplo la vida…”) e dicir que un bo terapeuta nin mira por riba do doente nin por debaixo, senón que a mellor conexión virá mirándoo aos ollos; e escoitando.

Enlaza isto coa idea que cada vez pesa máis en min: que a anamnese, indagar que motivo exacto lle trae á consulta ao doente, é sumamente importante e unha arte que cada vez me gusta máis e me enriquece como persoa e como médica.

Observar, poñer a orella, tocar ombros sen dicir nada e ata acariñar co fonendo ademais de escoitar murmurios vesiculares conservados ou crepitantes levoume á inspiración dalgúns textos que quero compartir; e sempre se comeza por un, aí vai:

 

Nunha chamada de hai uns días, unha filla estaba preocupada por se a nai se estaba deprimindo.

Entrou pola porta unha muller delgadiña, engurradiña, xersei abrigoso, falda, pano negro. Sentada nunha cadeira de rodas. Acórdome de miña bisavoa materna.

Póñome de pé. Non me escoita ao falarlle. Oe moi mal, dime a filla. Sento á súa altura, achégome, parolamos.  Sempre teño as pernas e os pés moi fríos, é a súa queixa inicial. Mirada triste, crávaseme.  Non oio nada ben, ho. Si, iso íllaa moito, di a coidadora. Vén a xente e pide sofá lonxe para estar consigo; ultimamente, máis. Mesmo a partida que botábamos antes… non lle presta. Mírolle a tensión, con coidadiño. Sacamos as mil capas de abrigoso inverno para que o fondendo chegue ao corazón.

Este domingo cumpre 97. Intento acercarme de novo e animala. Hai que celebralo! Mire, este ano eu non quero nada, sen as miñas netas e bisneta, para que? Púxenlle unha man no ombro. Calei. Abriuse a porta e marchou. Esa miña man conectou.

Sento e comezo a chorar. Contente, Ali. Éntrame o meu para que? particular. Para que conterse? Compártoo.

Volvo compartir que hai doentes que tocan onde teñen que tocar cada día; que hai señoras maiores que coa mirada transmiten máis ca coas palabras; que a soidade (aínda estando rodeadas) das anciás me remove profundamente; e que esta época de distancia, enferma. 

E que desexo que cumpra 98 rodeada da xente que a quere.

  • Alicia Barreiro Cambeiro. Médica de Primaria no Centro de Saúde de Monte Alto.

ÚLTIMAS

Ponse en funcionamento a estación intermodal de autobuses con profundos cambios

Hoxe martes 3 de novembro, ten lugar a pertura da estación intermodal de autobuses...

Despregan unha faixa denunciando as 20.000 vivendas baleiras da cidade

A organización xuvenil do BNG na Coruña, realizou un despregamento de tres faixas no...

Retencións de cinco quilómetros na AP-9 á saída da Coruña por un accidente en Cambre

Un accidente de tráfico rexistrado esta mañá de martes na AP-9, á altura do...

Crean unha plataforma na Coruña para defender ás persoas sancionadas na protesta contra Vox

Nace hoxe a Plataforma Antirrepresiva da Coruña (PAC). Faino tras os disturbios e as cargas...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here