InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Camiño de Garás (1883)

Olladas doutro tempo: Camiño de Garás (1883)

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Gracias a Valentín Mendía somos quen de imaxinarnos entrando a Coruña en 1883 por Garás, hoxe en día avenida de Linares Rivas. A fotografía está tomada aproximadamente á altura do cruce coa rúa Ramón de la Sagra. Na actualidade, Alfonso Molina e Linares Rivas crúzanse a dous niveis distintos, cunha enorme densidade de tráfico, ata oito carrís ateigados de vehículos de tódolos tipos, entrando e saindo da cidade, elevando os decibelios, parando e arrancando nos semáforos, con moita présa por chegar a onde sexa. O ritmo actual da zona é completamente oposto do que estamos a ver na fotografía, semella que entrar na Coruña naquela época era moito máis agradable: camiño empedrado a carón do mar, liña de árbores, rúa tranquila… non é  doado recoñecer o mesmo lugar. 

O primeiro que impacta é o preto que está o mar das casas. A liña de edificios de Linares Rivas está no mesmo lugar, pero o mar iríase alonxando nas décadas seguintes. A inicios do século XX comezaríase a rechear ó tempo que irían desenrolándose as instalacións portuarias. A beira do mar iríase afastando das vivendas dende os aproximadamente quince metros que vemos na foto ata os case cento cincuenta metros da actualidade.

Apreciamos un parapeto de pedra e unha rampa ó carón de dúas lanchiñas. O muro e máis rampas coma esa continuaban ata Porta Real. Era parte da infraestrutura portuaria construida no século XVIII, que trocaría o aspecto do que anteriormente eran praias, dúas praias que ían dende Santa Lucía ata a Mariña, separadas por unha formación rochosa á altura da praza de Ourense.

Xusto nese saínte rochoso comezaba a muralla que protexía o barrio da Pescadería, o muro defensivo que marcaba o límite da cidade. Aprécianse á dereita os restos do forte do Malvecín, que pechaba a estructura defensiva por esta beira, protexendo a Porta da Torre de Abaixo, que era a entrada á cidade pola actual praza de Mina cara ó Cantón Pequeno. Nese ano a porta xa non existe, a muralla está partida, convivindo durante anos os novos e elegantes edificios do que será o Ensanche coas obras de terraplenado das murallas, fosos, glacis…  Debaixo da Torre de Hércules vemos unha esquina de casas brancas con galería, que corresponde na actualidade coa intersección da praza de Ourense con Sanchez Bregua. Máis á esquerda, pasando outras casas novas, burguesas, vemos sobresair por riba dos tellados os merlóns do baluarte do Caramanchón, pechando a muralla pola outra beira, no que sería a actual praza de Pontevedra.

Coruña estáse a espallar. Non quere vivir máis tempo encorsetada, desfaise das murallas que a pechan e ábrese ó mundo. Máis alá deses muros atópase con hortas e con casas modestas de  xente labrega e mariñeira, como as que estamos a ver na esquerda da imaxe. Neses anos proxéctase o Ensanche, un novo barrio impecable no seu deseño urbanístico e con vivendas de calidade. Ocupará o espacio comprendido entre o camiño de Garás e o camiño Novo, como chamaban entón á rúa Juan Flórez, facendo desaparecer as hortas e as casas modestas.

A finais do século XIX a maioría das cidades, non só a nosa, ábrense ó progreso: comunícanse con novos camiños, chega o ferrocarril, desenrólase a industria, aumenta a poboación e proxéctanse novos barrios. Mendía no só está fotografiando a entrada á cidade, está documentando o cambio. 

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

A Coruña prorroga os orzamentos para 2025 tras non chegar a un acordo PSdeG e BNG

O goberno local da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno, a prórroga dos orzamentos para 2025 tras...

Oda aos Festivais de Nadal

Saímos do festival de Nadal da nosa filla. É o noso penúltimo festival de...

Mobilización da comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña pedindo “melloras urxentes” no centro

Representantes da comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña mobilizáronse para demandar "melloras...

A reurbanización dos Cantóns comezará a comezos de 2025 e durará 20 meses

Anunciada no mes de xuño, o Concello da Coruña vén de adxudicar hoxe a...

1 COMENTARIO

  1. Está foto junto con la del Orzan , oleaje, son espectaculares, por muchos motivos.
    Cercanía del mar, linea de árboles ,sensación de movimiento, historia de la ciudad y al fondo la torre de Hércules donde se puede adivinar algún molino antiguo.
    Sensacional.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here