InicioOPINIÓNA conciliación, unha materia pendente

A conciliación, unha materia pendente

Publicada o

Por Eva Ovenza

Coa chegada do verán e dos dous meses e medio de diversión, chega o estrés das familias para cadrar vacacións e escolas de verán que permitan conciliar a vida.

Cando falamos de conciliar, facemos referencia á necesidade de harmonizar os tempos, é dicir, procurar unha participación equilibrada entre mulleres e homes na vida familiar, persoal e laboral que tan só se consegue cunha reestruturación do sistema familiar, laboral, educativo, e de recursos formais e informais coa finalidade de introducir a verdadeira igualdade de oportunidades no emprego, modificar roles e estereotipos tradicionais e cubrir as necesidade de atención e coidados tanto da cativada, mocidade como das persoas maiores dependentes ou non.

Se reflexionamos sobre a organización do sistema de coidados no noso país, detectamos que nos atopamos en crise. Desde a incorporación da muller ao mercado laboral, procuramos coidar coa dedicación das nosas avoas e traballar como a xeración das nosas nais, o que nos leva a un desequilibrio social cuxos efectos negativos recaen principalmente sobre as mulleres. Elas adícanse, en moitas ocasións en exclusiva, ás labores de coidado. Atenden as tarefas domésticas, o que supón unha maior carga mental; renuncian á vida social, á formación, a espazos de respiro, a xornadas completas de traballo, provocando unha perda de calidade de vida, con menor benestar físico e psicolóxico, dependencia económica e maior inestabilidade laboral. Aspectos que provocan a moitas mulleres unha situación de vulnerabilidade, problemáticas psicoemocionais como ansiedade, estrés, insomnio e illamento social.

Aprobar esta materia depende do compromiso político e social, onde administracións públicas, empresas, entidades educativas e sociedade en xeral teñen un papel fundamental na procura de medidas para apoiar as familias cun obxectivo transformador real.

Algunhas das propostas de cambio son: a racionalización dos horarios, a adaptación e flexibilidade laboral, o fomento do teletraballo ou traballo híbrido (presencial e remoto) que garanta a desconexión dixital, a xornada comprimida de 4 días, a creación de banco de horas, incentivos á corresponsabilidade e servizos públicos e privados de atención a menores, mocidade e maiores para cubrir os días non lectivos, con ampliacións horarias en sinerxia cos horarios laborais, servizos de transporte e comedor, así como todas as adaptacións as necesidades especiais.

As familias son elementos chave nesta problemática, precísase dunha educación igualitaria, dun reparto equilibrado das responsabilidades domésticas e familiares entre mulleres e homes, de feito cóntase con moitos homes cunha visión diferente ante as recoñecidas masculinidades tradicionais reclamando o seu dereito a coidar, así como a creación de redes de apoio informais na súa contorna que promova que os avós e avoas podan gozar dos seus netos e netas en equilibrio co seu tempo libre e de descanso.

Estas medidas supoñen cambios culturais e de costumes profundos, que nos posicionaría como unha sociedade mais igualitaria e xusta con posibilidades de converxer coas directrices Europeas que promoven nas axendas a mellora na produtividade, competitividade, conciliación e corresponsabilidade, un reto social e económico que pon en valor e nun eixe central os coidados e a sustentabilidade das vidas.

  • Eva Ovenza Pereira. Psicóloga especializada en políticas públicas de igualdade de xénero

ÚLTIMAS

Aspanaes inaugura na Coruña un novo centro de atención temperá e psicoeducativo para menores con autismo

Representantes de Aspanaes -- entidade de apoio a persoas con autismo e as súas...

Un coche acaba no tellado dun alpendre tras saír da vía e atravesar varias fincas

Dúas persoas resultaron feridas este sábado tras saírse da vía o turismo no que...

A Coruña atribúe á zona tensionada a contención do alugueiro e reclama á Xunta todos os datos dos contratos

O Concello da Coruña sostén que a declaración da cidade como zona de mercado...

Dúas persoas resultan feridas ao caerlles unha árbore enriba na rúa Barcelona

Dúas persoas resultaron feridas na tarde deste venres na Coruña despois de que unha...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here