InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOAtopada no Orzán unha ave con gripe aviaria

Atopada no Orzán unha ave con gripe aviaria

Publicada o

Por europapress

Galicia suma un total de 31 casos de gripe aviaria en aves silvestres (principalmente gaivotas e mascatos) tras un novo exemplar detectado na praia coruñesa do Orzán. En concreto, trátase dunha palleira parasitaria -págalo parásito, en castelán, e Stercorarius parasiticus, como nóme científico-, atopado con sintomatoloxía e que morreu pouco despois.

Esta ave foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, analizada en laboratorio e eliminouse o seu cadáver posteriormente. A Consellería de Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección deste caso confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

O primeiro caso detectado en Galicia de gripe aviaria en aves silvestres produciuse en agosto de 2022, segundo os datos ofrecidos por Medio Rural. No que vai de 2023 van media ducia de positivos nesta enfermidade –os outros cinco foron gaivotas–, cuxo último caso se detectou o pasado febreiro. A nivel estatal, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas.

A palleira parasitaria é unha ave mariña que habita o norte de Europa, Asia e Norteamérica, con grandes poboacións en Escocia e illas como Orcadas ou Shetland. Pasa os invernos nos mares tropicais e océanos do sur do planeta. Durante outono e primavera realiza migracións, polo que actualmente pasa fronte ás costas galegas na súa viaxe cara ao norte. Cabe destacar que en Galicia non se reproduce nin aniña, polo que case non toca terra fóra de exemplares enfermos ou moi debilitados. “Por este motivo, é improbable o contacto coa fauna silvestre e doméstica autóctona”, subliña a Xunta.

De feito, o Goberno galego asegura que a notificación deste foco “non vai afectar á valoración favorable do risco respecto da influenza aviaria que recentemente realizou o Ministerio de Agricultura”, o que levou ao levantamento de diversas prohibicións en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos municipios que pertencen á Zona de Especial Risco.

ÚLTIMAS

O Concello da Coruña prepara os trámites para a intervención na vivenda tras declararse mercado tensionado

O Concello da Coruña ultima os trámites para actuar no mercado do aluguer tras...

Investigan un aviso de bomba no CHUAC que acabou sendo unha falsa alarma

A Policía Nacional investiga a autoría dun aviso de bomba no complexo hospitalario coruñés...

Xuíces da Coruña rexeitan crear unha praza de Violencia sobre a Muller “a costa” de Instrución

Xuíces e xuízas dos órganos de Instrución da Coruña alertaron de "prexuízos moi considerables"...

O BNG da Coruña pide a cancelación do concerto de Diego ‘El Cigala’, condenado por violencia de xénero

O BNG pediu ao Concello da Coruña que cancele a actuación de Diego 'El...