Fin de semana de reflexión social e compromiso nos Xardíns de Méndez Núñez. O VII Encontro Internacional Campamento pola Paz “Odio ou Convivencia” da Rede Acampa foi todo un éxito, gracias á participación da sociedade herculina, que demostrou a súa empatía e receptividade a esta proposta reflexiva arredor dos Dereitos Humanos e o Dereito ao Refuxio.
Un evento organizado polo Movemento Campamento pola Paz, unha Rede que agrupa a case 80 organizacións relacionadas cos dereitos humanos, que seguirá traendo información real, veraz, directa, neste mundo da sobreinformación.
A reprodución da carteleira de Melilla, instalada fronte ao Palco da Música, foi, sen dúbida, o polo de atracción deste ano. Tamén o campo simulado que reproducía o que acontece en tantos campos de refuxiados por todo o mundo no que o odio, moitas veces en forma de lume, arrasa a esperanza das persoas máis vulnerables varadas nestes espazos sen dereitos e sen futuro.
Visitas
O público, e visitas concertadas de varios centros de ensino tamén apoiou as visitas guiadas dos fotoxornalistas convidados, que achegaron a súa mirada e a súa historia directa
Os grandes debates
A carpa central desbordou o público nos dous grandes debates, os que sentaron a Pepe Mujica, expresidente uruguaio, Virginia Álvarez, a xefa de investigación de Amnistía Internacional. Crúa a versión de Álvarez sobre o caso do valado de Melilla. “Non hai xeito de que, se non es louro e de ollos azuis, poida entrar en Europa de forma ordenada cando necesite protección internacional. É kafkiano que teñas que cometer ilegalidades para que se respecten os teus dereitos”, sinalou criticando a todo o estado por encubrir unha auténtica masacre preparada.
Mujica lembrou que “estamos cometendo estupideces estratéxicas; non en balde, dentro de 50 anos, a metade da humanidade será africana; E se nos responden con esta vergoña que practicamos con eles, ímolo pasar mal”. “A solidariedade a longo prazo tamén é comodidade. A Europa rica envellece, os pobres van ser unha maioría esmagadora”, sinalou.
Pola súa banda, o xuíz Baltasar Garzón falou de xustiza universal. “A xustiza, en materia de Dereitos Humanos, é conservadora e non pode selo”. “Hai que pensar en quen é a responsable deses estados fracasados, pensar no que leva a migrar a millóns de persoas; e aí Europa non é inocente”, explicou. “É moi rechamante que Meloni estableza acordos con Libia sabendo que estes retornos levan a seres humanos encarcerados, masacrados”.
Virginia Mielgo, xefa de operacións de Geo Barents de MSF, testemuña directa do que está a suceder no Mediterráneo Central, insistiu en denunciar a campaña mediática e política que criminaliza a migración e os esforzos de rescate das organizacións humanitarias. Tamén a dobre moral de Europa, capaz de asumir unha recepción eficaz e rápida dos ucraínos fuxidos da guerra pero que pecha fronteiras e permite que centos de seres humanos doutra cor de pel ou doutra orixe se afoguen no mar.
Aínda podedes pasar a ver as exposicións fotográficas nos xardíns ata o día 10 de xullo, e ver todos os contidos, vídeos do encontro e exposicións en https://coruna.redeacampa.org/gl/.
E mentres, imos xa pensando no Encontro Internacional do próximo ano, que xirará arredor da Infancia e da Xuventude