InicioPOLÍTICAManuel Monge: “O importante é saber a quen serve Feijóo e os...

Manuel Monge: “O importante é saber a quen serve Feijóo e os pasos que foi dando para defender os ricos”

Publicada o

Por monchomarino

-As citas e pés de páxina mostran un traballo de recompilación importante. Como se condensan trece anos de Feijóo con estractos da prensa?

Fun recollendo aquilo que parecía máis interesante, a pesar de haber xente crendo que eu sei de todos estes temas. Porén, hai persoas que saben moito máis e publicaron máis, por iso fun recollendo textos e poñendo de quen era cada un, iso ao final dálle valor ao texto e permite dar a coñecer nomes que foron recollendo información.

-Como podes publicar unha biografía non autorizada e esperar que non che pase nada?
Xa me está pasando, porque eu xa sei como funciona isto. Que pode pasar? Que exista unha colección chamada “Libros que nunca existiron”, realmente, todos os libros que publiquei durante os últimos anos. Por exemplo, o último que publiquei en castelán Una monarquía corrupta y heredera del franquismo, para onde vas con ese título? Aquí existe un marco informativo e cando saes del xa sabes o que hai, o secuestro destes libros así de claro. Os grandes medios non van falar dun libro titulado Feijóo. Biografía dun farsante. Estou na Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, fixemos un documental Camarada Fraga, servidor del franquismo. Cando o iamos presentar non se presentou ninguén. Ao final dixeron que non se podía falar da existencia dun documentario sobre Fraga e o franquismo. Estes dous exemplos serven para mostrar como aquilo que sae do marco xa non se difunde. Só se publican as biografías que falan en positivo. Vou presentar o libro na Coruña e así estarei até as vindeiras eleccións autonómicas, eu xa sei que non terá difusión nos medios porque non se pode difundir isto.

-Cal foi o proceso de creación deste libro, quero dicir, non hai só un labor de recompliación.
O libro nace xa a partir dalgún artigo que escribira antes de que Feijóo decidise ir para Madrid. Algún deses artigos xa apuntaban que este home era un farsante. Para reforzar este substantivo busquei sinónimos no dicionario: mentiroso, troleiro, hipócrita e patrañeiro. O caso é que o texto xa estaba redactado desde había uns meses, mais os últimos acontecementos confirman totalmente esta biografía de farsante. De aí saco a idea de que Feijóo é un “marxista”, seguidor de Groucho Marx, o humorista, cando dicía: “aquí están os meus principios, se non lle gustan teño outros”. Cando falo dos últimos acontecementos é unha referencia aos últimos tempos porque cada día dá unha versión diferente del mesmo. Hai só uns días falaba de “matemáticas de estado” para podermos entender as decisións que está tomando o PP ultimamente, como por exemplo formar goberno na Comunitat Valenciana porque Vox ten o 12% dos votos mais en Extremadura non entrarían no goberno autonómico porque Vox tiña só o 8%. Tres días despois todo iso cae polo seu peso e xa non hai “matemáticas de estado”, agora pactan con Vox porque o necesitan para gobernar e por iso xa non hai problema. Este é o fío fundamental do libro, desenmascarar toda esta patraña e esta mentira.

-En 2016 xa publicaras outro libro arredor da figura de Feijóo.
Feijóo. Biografía dun farsante (non autorizada) é a segunda parte de O perverso goberno de Feijóo. Neste último facía unha análise da súa acción de goberno, cousa que continúa no segundo título porque aborda un pouco da biografía secuestrada e logo entro a fondo con asuntos dos que se debe falar: ensino, enerxía eólica e todos eses temas que están de actualidade. En realidade este último libro estaba pensado para as eleccións xerais, mais debimos apurar a fume de carozo para actualizalo, pois pensabamos que as eleccións serían en decembro, adiantaron a data e houbo que apurar. En catro días fixen unha valoración das eleccións municipais, logo outra análise da convocatoria das xerais e ao final pois unha visión de como quedaría Galicia nesta convocatoria. No último capítulo respondo a “que facer despois das eleccións?”, pois seguir co que estabamos, acabar coa monarquía e cos restos do franquismo.

Feijóo é un “marxista”, seguidor de Groucho Marx, o humorista, cando dicía: “aquí están os meus principios, se non lle gustan teño outros”.

-Falas da convocatoria e a celeridade para rematar o libro, mais é unha manobra desesperada de Sánchez?
Coido que era a única saída para Sánchez pois senón era levar unha cruz até o mes de decembro. Foi o máis intelixente porque permite explicar o que vén, é dicir, retratar o PP e que facer con Vox. Xa se puido ver despois da convocatoria como Feijóo dicia “tranquilidade que concellos, deputacións e autonomías non teñen por que constituirse antes do 23 de xullo. Realmente, a súa idea era constituír gobernos autonómicos despois do 23 de xullo, mais non caeron na conta que para a mesma lei non se pode facer iso por que hai uns prazos, agás que haxa casos excepcionais e se deban repetir as eleccións. Así a xogada saíulle mal, deixouno ao descuberto e non puido esconder a xogada que tiña en mente. O luns día 3 de xullo dixo: “vou gobernar con Vox si ou si”, por tanto xa está claro, nada de esperar nin tema matemático. Ademais, o secretario xeral de Vox deixou claro que “nós elixiremos o vicepresidente”. Pois xa sabemos o que pasará, Feijóo presidente e Abascal, vicepresidente. Aínda así, Feijóo responde que a primeira vicepresidenta será unha muller. Todo isto demostra que non ten palabra nin principios.

-Non ten palabra nin principios ou é un monicreque en mans de poderes elevados sobre el? Porque cando chegou a Madrid parecía que ía comer o mundo mais logo daba a sensación de ir apoucándose.
Os medios de comunicación esperaban outra cousa. Sabían que gobernaba con maiorías absolutas en Galicia e teñen outra idea. Mais cando chega a Madrid e comeza a falar a militancia pregunta “que di este home? Que barbaridades di sobre economía?”. Aí foi cando souberon como era Feijóo, algo que nós xa sabiamos. Estase descubrindo que este home non ten nada de bo xestor. Fala dos “pufos” de Sánchez “que nos quere endebedar”. Mais agora a xente cae na conta que cando Feijóo chega a Galicia a débeda do país era de 3.900 millóns de euros, o 6,4% do PIB. Agora é tres veces maior, máis de 11.000 millóns, o 18,4% do PIB de Galicia. Así pois, temos unha persoa criticando ao Goberno por estarnos endebedando, mais nós deberiamos dicir que xa temos experiencia co “pufo” por multiplicar por tres a débeda mentres estivo na Xunta. A imaxe de bo xestor estalle caendo con exemplos concretos. A xente non sabe en Madrid as operacións que fixo coas caixas, non saben que Abanca non é un banco galego, é venezolano, Banesco. Para isto último collo unha frase de Barreiro Rivas: “se este é un banco galego, que o demo me leve”. Foi unha venda por 1.003 millóns de euros e para o outro ano ten uns beneficios de 1.150 millóns, nun ano recuperou o prezo e xunto a isto, recibiron 9.000 millóns públicos para sanear o banco e aínda estamos esperando que os devolvan.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, co candidato do PP á Alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo, e o presidente provincial do PP coruñés, Diego Calvo. M DYLAN

-Tamén están as eólicas.
Si, ese é un tema que non se pode entender sen o abrazo entre Feijóo e Sánchez Galán na praza do Obradoiro. Cando a xente miraba a fotografía preguntaba: “quen é ese que lle dá un abrazo tan cariñoso a Feijóo”. Isto explica todo canto veu despois, as facilidades para as concesións ás eólicas, primeiro as terrestres e agora as mariñas.

Este libro estaba pensado para as eleccións xerais, mais debimos apurar para actualizalo, pois pensabamos que as eleccións serían en decembro.

-Que puido acontecer cando, dimitido Rajoy, Feijóo renuncia a ser o presidente do PP a nivel estatal. Falouse de documentos do CNI que lle presentara Soraya Sáez de Santamaría. Daríaslle crédito a esta idea?
Non sei, mais as cousas que estaban tapadas agora xa son públicas, como todo o tema de Marcial Dorado. Agora resulta que non fai falta ir ao CNI, agora xa o sabemos, como tamén é público o das contratadas de empresas de Dorado coa Xunta. Realmente Feijóo non deu o paso até que non viu garantido o seu paso cara adiante. Chegado o momento fixo unha alianza con Ayuso e “xa estou en Madrid con unanimidade”. Esa foi a xogada, unha cousa impresentable totalmente porque se presentara ás eleccións co lema “Galicia, Galicia, Galicia” e insistindo que tiña un compromiso con Galicia e de compromiso nada, antes de finalizar o mandato vaise para Madrid porque era a ocasión. Así lle deixa unha herdanza a Rueda lamentable con incremento de desigualdade, as pensións máis baixas do Estado, hai 400.000 pensionistas que viven na pobreza e dos asalariados, o 20% non chegan a mileuristas e un de cada tres nenos e nenas está en risco de pobreza. Sobre todo isto hai que informar, agora mesmo o máis revolucionario é informar. A medida que a xente estea informada, así se mobilizará senón, non se poderá cambiar nada.

-Que peso tivo Romay Beccaría na xestación deste grupo de persoas entre as que estaba Feijóo, Rajoy, Negreira e outros?
O tema de fondo é a quen serve cada quen. Feijóo é un servidor, un intermediario dos ricos e as medidas que vai tomando tanto na Xunta como se chega, espero que non, a La Moncloa, xa adiantou que ía facer, tomar medidas que favorezan ao capital e aos grandes propietarios e aos ricos. “Os impostos ás grandes eléctricas e aos bancos, todo iso, fóra”. Non é tanto a procedencia senón máis ben a quen serve actualmente Feijóo e os pasos que foi dando para defender os ricos ademais de defender a corrupción e financiamento ilegal do PP. Fai como se non soubese nada: “cando eu cheguei xa estaban aquí os da Gürtel, eu non sei nada”. En Galicia a cabeza da Gürtel era Pablo Crespo a quen retiran do seu posto de Secretario de Organización do PP, e para onde o mandan? A Portos de Galicia, e quen era o conselleiro de Obras Públicas? Feijóo. Quen era o presidente de Portos de Galicia? Carlos Negreira. Así se pode ver como Feijóo se preocupou por todas aquelas persoas retiradas da política por casos de corrupción. Sobre a financiación do PP galego, Feijóo estaba aquí, non estaba ausente. Logo están as empresas como FCC, ACS de Florentino Pérez ou COPASA, empresas que financiaron o PP. Despois estaba o diñeiro aportado por contrabandistas e narcotraficantes durante reunións en hoteis e restaurantes, algo que é notorio e público, pois está publicado. O tema non é Romay Beccaría, que podía levarse máis ou menos ben con Fraga, senón a quen serve Feijóo.

José Manuel Romay Beccaría xunto a Alfonso Rueda e Diego Calvo nun acto do PPdeG / César Argina – Europa Press

-E esa “aura” de gran xestor e tecnócrata foi a que creou logo de realizar privatizacións en Correos e no Insalud?
Cando Feijóo volve a Galicia, Romay Beccaría vendeuno como un excelente xestor: “Fixo moi bo traballo aquí en Madrid”, dando pasos cara a privatización do público. Eses antecedentes foi o que aplicou aquí, diminuindo o sector público e engordando o privado. Esa boa xestión vímola durante a pandemia e os resultados que tivo nas residencias privadas. Logo foi el mesmo quen condecorou á delegada de DomusVi cunha medalla, outro exemplo da relación de Feijóo co capital e está xogando a ser o grande benefactor das grandes empresas e o capital financeiro.

Feijóo xa avisa “vou gobernar con Vox si ou si”, por tanto nada de esperar nin tema matemático e o secretario xeral de Vox deixou claro que “nós elixiremos o vicepresidente”.

-Tampouco queda atrás o seu nepotismo, por exemplo, a súa prima Eloína Núñez, xestora do CHUS.
A familia primeiro. A súa curmá e a súa irmá, Micaela Núñez Feijóo. Esta última traballando nunha empresa, Eulen, que casualmente ten uns contratos fabulosos coa Xunta. Logo está o tema das portas xiratorias e como vai colocando antigos cargos públicos como a que fora conselleira de Medio Ambiente que acaba na eólica. O mellor é informar sobre estes datos que ao mellor teñen máis relevancia dentro vinte ou vinte e cinco anos.

-Marcial Dorado, nun programa de televisión, dixo que xente do PSOE lle pedira “botar merda” sobre Feijóo para non gañar as eleccións. Que credibilidade lle dás a estas palabras?
Dorado dixo que el votaría a Feijóo e de paso desmentiu todas as afirmacións do segundo de que non se coñecían ou non sabía quen era. “Se estivo na miña casa moitas veces e fixemos moitas viaxes xuntos” dicía Dorado. Aínda máis, isto estaba perfectamente explicado por Perfecto Conde cando dixo que durante moito tempo en Galicia líanse reportaxes sobre quen era Marcial Dorado. Por tanto, a argumentación de Feijóo era ridícula. Despois estaban as contratas de Dorado coa Xunta a través de empresas intermediarias. Todo isto por mediación do que fora chófer de Romay Beccaría Manuel Cruz, unha persoa moi vinculada ao fascismo. Pois Feijóo continuou todo isto en vez de ser unha figura que rompese estes vínculos con narcotraficantes e defraudadores. O PP estivo moi vinculado desde os seus comezos con persoas da ría de Arousa que eran narcotraficantes e mesmo habíaos que eran alcaldes.

Fraga / Arquivo

 

-Algo que puidera estar relacionado sería aquel riso do xuíz Vázquez Taín cando lle dixeron que Feijóo afirmaba que non tivera relación con Dorado e mesmo dicía: “o señor Dorado non me quitou ningún voto”.
É que Núñez Feijóo cre que cos votos pode tapar todo, son un corrupto, mais como me votan teño un salvoconducto. O mesmo que dicía Baltar pai: “son un cacique, mais son un cacique bo”. Consideran seren elixidos nas urnas é unha maneira de bendicilos, de salvagardalos, pois non, poden ter votado por ti mais non estás exento de dar explicacións. Se Dorado non lle quitou ningún voto é polos medios pois non difundiron a súa relación con Núñez Feijóo. Pois por iso digo que é fundamental divulgar este tipo de información e por iso o meu libro é un libro comprometido para atacar o discurso que hai detrás de PP e Vox.

Agora mesmo o máis revolucionario é informar.

-Apuntas a rede clientelar que axudou ao PP a materse na xunta durante os últimos catorce anos. Porén, esa rede non viña xa dada polo PP de Fraga?
Cando se fala do PP debemos ir ás orixes. Alianza Popular (despois PP) constitúese tres meses antes das eleccións xerais do 15 de xuño de 1977. Para formar o partido xúntanse Fraga e sete ministros de Franco. Os medios estaban pendentes de como acababa o congreso de AP e o titular de ‘Diario 16’ era ‘Tres mil neofranquistas entusiasmados acaban el congreso de AP gritando: “Franco, Franco, Franco”’. Son os herdeiros do franquismo porque o dixeron eles postos de pé. Adaptáronse aos novos tempos, mais se observas, algúns antigos dirixentes do PP estaban tamén na Fundación Francisco Franco, é por iso que queren acabar coa Lei de Memoria Democrática. Lembremos a frase de Esperanza Aguirre cando Pablo Casado e Santiago Abascal estaban enfrontados: “son dous patriotas”. Eu engado “y Feijóo también”. Son da mesma familia política por iso chegan a acordos de goberno.

-Case esquecemos a cuestión da CRTVG, os medios públicos galegos.
Si, porque se está exercendo sobre eles un control tan forte que os mesmos traballadores denunciaron esta situación e mesmo houbo exemplos de manipulación, de como se daba unha noticia retirando aquilo que prexudicaba ao PP. Este comportamento está denunciado, o mesmo que a autocensura que se aplican. Non se informa sobre temas que noutros lugares serían noticia como unhas eleccións sindicais. Se aquí non gaña un sindicato que interese ao PP non se fala desa información. Non se informa sobre aquilo que non está previsto.

-Logo están as axudas que levan os medios próximos ao PP desde as súas liñas editoriais.
É a utilización de subvencións directa e indirectas, como campañas do Xacobeo, de sanidade, etc. Se hai axudas que sexan reguladas, sen discriminación a determinados medios. Nestes momentos non hai un control, un criterio razonable das axudas públicas aos medios ademais de seguir criterios para nomear o presidente da CRTVG, un medio ao que ademais lle saíron moitas sentenzas en contra.

-Ten algo de galego Feijóo?
Que naceu nos Peares. Non ten militancia de galego, ten militancia noutros intereses.

-No hipotético caso de que Núñez Feijóo chegue ao Goberno, cal é o teu temor en relación á súa primeira decisión?
A primeira decisión xa a anunciou, eliminar a Lei de Memoria Democrática e todas aquelas leis que afectan aos intereses do capital. Todas esas son as súas medidas estrela. Niso hai coincidencia con Vox. En canto a Galicia as cousas seguirá cun papel residual sen recibir transferencias que figuran no propio estatuto.

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Denunciado o condutor dun camión tras quedar atrancado no túnel de Juana de Vega

O condutor dun trailer foi denunciado tras quedar atrancado co vehículo no túnel de...

O Morriña Fest 2025 celebrarase os días 25 e 26 de xullo

O Morriña Fest celebrará a súa quinta edición na Coruña os días 25 e 26 de...

2 COMENTARIOS

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here