InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Mercado do peixe, San Agustín

Olladas doutro tempo: Mercado do peixe, San Agustín

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

El telegrama foi un diario que se publicaba na Coruña a finais do século XIX. O 2 de agosto de 1889 escribía: “É unha vergoña que A Coruña non teña unha praza de abastos. O sitio destinado a tal obxeto non merece tal nome; máis ben lle cadra o dun grande vertedoiro, propio para focos de infección e noxento á vista. Tan só non coñecer outro, e por estar afeitos a velo, poidemos descoñecer as súas deficiencias”. Así era como ese diario describía o que vemos na imaxe. Estamos a falar do mercado de San Agustín. Un conxunto de galpóns e casetas de madeira baixo as que se vendían todo tipo de alimentos -na fotografía a zona do peixe- case sobre o chan, en cestos ou caixas, carecendo das mínimas medidas de hixiene, seguridade, comodidade ou estética.

A nosa cidade non podería contar cun equipamento en condicións ata 1910, data na que se inaugurou na praza de Lugo o precioso mercado de abastos sufragado por Eusebio da Guarda e composto por tres pavillóns de ferro que dispoñían de tódolos adiantos da época. Máis tarde, en 1932, construiríase en San Agustín, no mesmo lugar da fotografía, un edificio de aspecto sinxelo que hoxe en día pode pasar desapercibido, pero que trouxo á cidade un deseño realmente punteiro na Europa daquela época. Antonio Tenreiro e Santiago Rey Pedreira foron capaces de aplicar a vangarda arquitectónica para dotar ó edificio da súa característica cuberta con esa grande curva catenaria cunha lámina de formigón de tan só 15 centímetros de espesor. A amplitude, comodidade e luminosidade do actual mercado de San Agustín contrasta enormemente co que podemos apreciar na imaxe que tomou José Sellier no cambio de século.

Outros fotógrafos poñen o acento na arquitectura. Os edificios, rúas ou prazas coma protagonistas, poñendo distancia con respecto ás persoas, que aparecen nas imaxes coma simples figurantes. Eses artistas regálannos unhas fermosas imaxes da cidade, que nos permiten imaxinarnos as súas formas tantos anos despois. En Sellier, en cambio, o importante é o ángulo no punto xusto para converter a fotografía case nunha experiencia inmersiva. Alonxándose da imaxe de postal -que tamén dominaba coma ninguén- para centrarse nas persoas. Non está retratando o mercado, senón o ambiente que se respiraba nel. Non pretende captar as formas ou as dimensións dese espazo, senón meterte de cheo, palpando case ese intre xa perdido no tempo, esquecido para sempre de non ser pola súa cámara.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas

Levamos dende a creación deste diario fixándonos na política urbanística do grupo de goberno....

A Universidade da Coruña prohibirá o consumo de tabaco ou ‘vapers’ en todos os espazos dos seus campus

A Universidade dá Coruña (UDC) aprobou o plan 'Campus sen fume' para prohibir o consumo de...

Condenado un condutor sen carné que fuxiu da Policía drogado e a gran velocidade

O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña condenou a dous anos...

Unha incidencia técnica nun AVLO Coruña-Madrid obriga a desaloxar aos pasaxeiros, que rompen o portelo para saltar ás vías

Unha incidencia técnica que se produciu nun AVLO A Coruña-Madrid obrigou este domingo a...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here