InicioOPINIÓNOlladas doutro tempo: Banco Pastor

Olladas doutro tempo: Banco Pastor

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

No ano 1921 firmaríanse na Coruña tres proxectos de grande importancia urbanística para a cidade. Un deles sería un novo barrio residencial a base de chalets: a Cidade Xardín na zona de Riazor. Outro, máis céntrico, o edificio da delegación do Banco de España, na rúa Juana de Vega. O terceiro deles sería o máis sonado, xa que estamos a falar do edificio máis alto de toda España naquel intre: a sede do Banco Pastor no Cantón Pequeno. 

O novo poder financieiro estaba a esixir a súa posición, con entidades fortes que buscaban proxectar unha imaxe potente que as identificase nos mellores espazos das cidades. E nada máis chamativo que un rañaceos. Inspirados pola “Escola de Chicago”, os arquitectos Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés debutaban profesionalmente cunha obra que segue a ser referencia hoxe en día, pero que na súa época desatou unha grande polémica. Para comezar, esnaquizaron as normativas municipais vixentes, que limitaban a altura a 20 metros, medida dupricada neste proxecto. Xustificaríase tal construción invocando ós valores da modernidade, hixiene e progreso, así como o embelecemento xeral da cidade. Os detractores da obra non vían con bós ollos erguer  as once prantas de tan xigantesca edificación sobre un chan de area de praia, coa súa cimentacion baseada en pilotes de madeira. Iso ademáis de “deixar sumidas en lóbrega penumbra -ás casas cercanas- facéndoas máis húmidas e insáns”

Empregaríase, de forma pioneira en Galicia, o formigón armado na estrutura, e un recubrimento de pedra artificial. Dende o inicio será plantexado coma o edificio máis importante da cidade, moi distinto a “esas vivendas raquíticas, de fachadas superficiais, que rifan coas máis rudimentarias máximas da estética … e que afean desgraciadamente as rúas máis céntricas”. Semellan declaracións algo esaxeradas, pero para a súa construción foi preciso adquirir e derrubar varias casas de tres ou catro andares coas tradicionais galerías tan propias do século anterior, rachando coa estética e a dinámica construtiva dos Cantóns.

O edificio xa estaba rematado cando a grandísima fotógrafa Ruth Matilda Anderson hospedouse no Hotel Palace en 1925. Dende a sú fiestra puido captar esta bonita perspectiva das estreitas vivendas con galería que poboaban o Cantón Grande nesa época. Na fotografía, destaca enormemente a sede bancaria, que seguiría a ser o teito do país ata o ano 1929. Nesa data, os seus 39 metros de altura veránse moi superados polos máis de 80 da sede de Telefónica na Gran Vía madrileña. Finalizaban deste xeito os catro anos de dominio das alturas españolas dun edificio coruñés. 

Na actualidade estamos afeitos a edificacións moito maiores, e tamén a un “skyline” da Coruña moito máis irregular que antano, por iso paga a pena lembrar aquela época na que os mariñeiros, ó rematar a súa faena e voltar cara ó porto, tan só lograban distinguir dende lonxe a Torre de Hércules e o Banco Pastor.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

O 60.622, último quinto premio, vende unha serie de 60.000 euros na Coruña, onde tamén houbo ‘petiscos’ dun dos segundos

O número 60.622 resultou agraciado co último do oito quintos premios do Sorteo Extraordinario...

Os Cantos de Taberna, máis vivos que nunca en Monte Alto

Vive a música tradicional un proceso de rexeración tremendamente interesan. Dende a sombra nesta...

Aberto ao trásito peonil a meirande parte de San Andrés

Adiantan os prazos os traballos de reurbanización da rúa de San Andrés (esperan que...

A Coruña prorroga os orzamentos para 2025 tras non chegar a un acordo PSdeG e BNG

O goberno local da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno, a prórroga dos orzamentos para 2025 tras...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here