InicioA CORUÑAOlladas doutro tempo: Pazo Municipal

Olladas doutro tempo: Pazo Municipal

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Aínda quedarían máis de cinco anos para a súa inauguración oficial, pero a cidade considerada Garda e Chave do Reino de Galicia por fín ía ter unha sede municipal á altura da súa importancia. Nese momento, o Concello da Coruña estaba ubicado moi preto, no edificio que apreciamos á esquerda na fotografía de Ferrer. 

Na interesante “Guía de La Coruña”, escrita por Antonio Coumes-Gay en 1877, descríbense as Casas Consistoriais da seguinte forma: “O Concello está no edificio inmediato á igrexa parroquial de San Xurxo, que foi convento de Santo Agostiño. No primeiro andar ten o Salón de Sesións, a Secretaría e oficinas; na planta baixa o arquivo e dependencias, almacéns destinados ós carros fúnebres, os do servizo público de limpeza, cuadra, depósito de bombas, retén de bombeiros e habitación do conserxe. No primeiro andar do mesmo edificio atópase o Xulgado municipal, e no segundo o de primeira instancia, o Rexistro da propiedade e a Academia de Medicina e Ciruxía”. Intúese a estreiteza en tódalas institucións nomeadas, pois semellan demasiadas cousas para  o mesmo lugar. Podemos apreciar outra vista do edificio coa fotografía de Mendía en “Campo da Derruba”. Pero a historia do Consistorio coruñés non comeza aquí, ven de moi atrás, deambulando ó longo dos séculos dun lugar a outro, ás veces sen atopar un sitio digno, amplo e cómodo para o goberno da cidade, ata a inauguración do precioso edificio que vemos en construción. 

Dende a refundación da vila de Crunia en 1208, o concello reuníase no atrio da Igrexa de Santiago, por ser esta a máis antiga da cidade. Tratábanse de reunións abertas, convocadas a toque de campás, ás que podían asistir os veciños. Segundo documentacion de 1344, o concello estaba formado por: dous alcaldes -o alcalde de foro e o alcalde de rei-, doce xurados, os procuradores e dous veciños que portan o selo. Para as reunións extraordinarias de inicios de ano, empregábase o antigo convento dos dominicos, entón fóra das murallas fronte á Porta de Aires.

En 1480, baixo mandato dos Reis Católicos, as Cortes de Toledo obrigan a tódalas cidades e vilas nas que os concellos non tivesen edificio propio a que o constrúan no prazo de dous anos. É por isto que dende finais do século XV o goberno da vila instálase na actual praza de Azcárraga, o centro da Cidade Alta. O primeiro edificio, seguramente erguido ás présas e baixo orzamento, arruinouse moi cedo, sendo derrubado en 1555. En 1558 estrearíase un novo inmoble no centro da mesma praza, chamada popularmente da Fariña. Pero o nome do producto alimentario non fai referencia ós mercados celebrados alí, coma tanto se ten falado, o nome vén precisamente polo edificio no que se axuntaba a corporación municipal. Tal inmoble acollía as reunións no primeiro andar, pero na planta baixa aloxábase a Casa do Peso da Fariña, algo así coma un almacén municipal de gran. O edificio, coñecido coma Pazo da Fariña, presentaba un aspecto ruinoso a inicios do século XVIII polo que comezaría unha serie de traslados provisionais, alugueres de inmobles e proxectos que nunca chegan a facerse realidade. Rúa do Príncipe, Pazo de Capitanía, Rúa do Repeso, Damas… case dous séculos de apaños, improvisación e incomodidade.

A comezos de 1837 o Consistorio instálase na Rúa da Franxa, abandoando por primeira vez na súa historia a Cidade Alta. Dezaséis reais diarios era o prezo por alugar a Casa Martelo, actual sede do Conservatorio e Escola de Danza da Deputación. Era unha estancia cara, pero provisional, sería ano e medio de espera para poder ocupar de forma gratuita un edificio cercano do que se estaba a falar. Xa cos permisos concedidos, o Concello pasou en decembro de 1838 ó antigo convento de Santo Agostiño, desaloxado pola desamortización. Este edificio estaba adosado a unha igrexa que tamén cambiará de uso e nome, pasando a ser a parroquia de San Xurxo.

Alí tería que agardar varias décadas ata que por fin fructificou o ambicioso proxecto que uniría a Cidade Alta e a Pescadería cunha gran praza pública. Neste espazo, o protagonista é o poder municipal, ubicado por fin nun dos edificios máis sobranceiros de toda a cidade. Na fiestra central do edificio, a meirande e destacada co seu forxado en cor negra, atópase un escudo con dúas letras superpostas: P e M. Poderían ser as iniciais de Pazo Municipal, o edificio. Tamén podería ser María Pita, a praza. Pero existe a hipótese de que esas letras están a recordar ó grandísimo arquitecto Pedro Mariño, quen estaría deste xeito asinando a súa obra. Pero en 1912, con tódalas fiestras aínda por pechar, tan só pode asinar a elegante fotografía de Ferrer.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Un incendio nun edificio na Coruña obriga a desaloxar a catro persoas

Catro persoas tiveron que ser trasladadas polos profesionais sanitarios tras producirse un incendio nun edificio...

Coruña agradece o traballo dos bombeiros pola DANA

O Concello da Coruña trasladou o agradecemento aos bombeiros da cidade desprazados a Valencia...

Conclúe o xuízo pola malleira mortal a Samuel: coñece as claves de cada declaración

O xuízo pola morte de Samuel Luiz, falecido tras unha malleira na madrugada do...

Isabel Faraldo optará a liderar Podemos Galicia nas primarias que se inician este luns

A exconcelleira na Coruña Isabel Faraldo, que foi candidata de Podemos nas eleccións galegas...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here