InicioECONOMÍAOs sindicatos convocan dúas xornadas de folga na sanidade privada para reclamar...

Os sindicatos convocan dúas xornadas de folga na sanidade privada para reclamar “un convenio digno”

Publicada o

Por europapress

As organizacións sindicais CIGCC.OO. e UGT convocaron dúas xornadas de folga na sanidade privada da Coruña para os días 30 de novembro e 14 de decembro para reclamar “un convenio digno” e intensificar, deste xeito, as mobilizacións en resposta “ao bloqueo” da patronal á negociación do convenio colectivo.

En concreto, para o vindeiro venres, día 17 de novembro, convocaron unha manifestación na cidade herculina que sairá ás 20.00 horas da Praza de Pontevedra, e para os días 30 de novembro e 14 de decembro o persoal do sector está chamado a secundar a folga en demanda de “salarios xustos e condicións dignas”.

Así o anunciaron este martes nunha rolda de prensa, da que informou a CIG nun comunicado, na que os sindicatos explicaron que este convenio regula a máis de 4.000 persoas en toda a provincia que desenvolven o seu traballo tanto nos hospitais dos grandes grupos sanitarios como HM, Quirón, Ribeira Saúde ou Adeslas, como nas clínicas dentais, de fisioterapia, centros estéticos e laboratorios clínicos.

A CIG asegurou que “a pesar de ser un dos convenios que conta coas peores condicións salariais e laborais” e o que ten a xornada máis extensa do sector (máis de 1.800 horas ao ano fronte á media estatal de 1.720), a patronal presentou “unha oferta económica ridícula” que pretende “recortar dereitos xa recoñecidos como as contías dos trienios ou o cobro do 100 % no caso das baixas”.

“Estas son as nosas liñas vermellas, non imos renunciar a estes dereitos”, sostivo o responsable de negociación colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón. Na defensa destes dereitos e co obxectivo de gañar outros como “cobrar por traballar un domingo”, os sindicatos sinalaron que iniciaron o pasado mes de setembro un calendario de mobilizacións que continuará este venres, día 17, coa manifestación na Coruña que finalizará coa lectura dun manifesto no Obelisco.

PARALIZACIÓN DAS NEGOCIACIÓNS

Tizón denunciou que a última xogada da patronal foi suspender as negociacións baixo o pretexto dunha posible modificación lexislativa da xornada máxima legal e dun posible incremento do SMI por parte do futuro goberno español. “Estamos ante unha agresión aos dereitos das traballadoras e dos traballadores. Esta actitude da patronal é a que nos obriga a responder coa convocatoria da folga”, apuntou.

O obxectivo destas dúas xornadas de folga é esixir á patronal que retome “de inmediato” as negociacións do convenio, que retire da mesa os puntos “innegociables” como os recortes nos trienos e na cobertura de baixas, e que presente unha oferta económica que “realmente modifique á alza as táboas salariais” e “permita recuperar o poder adquisitivo perdido”. Os sindicatos fixeron un chamamento a todos os traballadores e traballadoras da sanidade privada da provincia para loitar para conseguir un convenio con salarios e condicións xustas.

Ademais, pediron a intervención da Consellería de Sanidade “porque debido ao desmantelamento da sanidade pública, a sanidade privada está a cubrir unha parte importe das listas de espera”. Por iso, sinalan que a folga tamén afectará á asistencia pública e piden ao Sergas que “non siga mirando para outro lado”.

ÚLTIMAS

Morre un home na praia do Orzán, menos dun día despois doutro falecido en Riazor

Un home perdeu a vida na mañá deste mércores na praia do Orzán, na...

A concesionaria do servizo de lixo da Coruña comeza a aplicar man dura contra os folguistas

A concesionaria do servizo de recollida de lixo da Coruña, Prezero, comunicou 29 sancións graves este...

O 4 de marzo, martes de Entroido, e o 24 de xuño, San Xoán, serán festivos na Coruña en 2025

O Concello da Coruña decretou que o 4 de marzo, martes de Entroido, e o 24...

Mariscadores do Burgo secundan unha nova concentración á espera dunha solución ás axudas que reclaman

Membros da Confraría de Pescadores da Coruña mobilizáronse, este mércores ante a Delegación do Goberno, para esixir...