A importancia da Torre de Hércules transcende o papel de monumento máis destacado da Coruña. Non só é a edificación máis antiga de toda a cidade. Nin sequera lle basta con ser o faro máis antigo de todo o mundo. A Torre érguese por riba dos demáis monumentos coruñeses, sexa cal sexa a súa época ou importancia, acadando o estatus de símbolo. A súa imaxe é dabondo para representar tanto á cidade coma á provincia coruñesa, e isto é algo totalmente xustificado.
A Torre, dende o mesmo momento da súa construción, convértese no punto de referencia de toda a rexión, sendo posible distinguila dende moitos quilómetros á redonda, tanto no mar coma terra adentro. Hoxe, en cambio, non podemos vela dende moitas zonas da propia cidade, pero isto é algo moi recente, que non comeza a ocorrer ata ben entrado a século XX coa construción en altura.
Debemos imaxinar a impoñente presenza desta obra de enxeñería romana dominando toda a costa dos arredores. A súa función non se limitaba á de sinal luminosa, servía tamén de baliza, marcando a entrada ó golfo Ártabro. Os barcos que superaban o cabo Prior empurrados pola forza do nordés, avistaban a tempo o sinal que lles indicaba onde virar cara o porto de abrigo. Nesa dirección non era posible atopar outro ata dobrar Fisterra e chegar ás Rías Baixas.
A primeira cita documental coñecida da Torre é de inicios do século V. Sería Paulo Orosio, historiador e relixioso galego, quen escribese: “Secundus angulus circiumm intendit, ubi Brigantia Gallaetiae ciuitas sita altissimam pharum et inter pauca memorandi operis ad speculam Britanniae erigit”. O que ven a dicir que o segundo ángulo -de Hispania- está orientado cara ó cierzo, onde a cidade galaica de Brigantia eleva coma atalaia de Britania o seu faro altísimo e digno de mención entre moi poucas cousas.
O faro ergueuse a finais do século I. Segundo o historiador e arqueólogo Xosé María Bello, o seu nome orixinal sería Pharum Brigantium. Nome que perdurará coma Faro Bregancio, máis adiante simplificado a Faro, para nomear a toda a comarca cando Roma desapareza. Coa Brigantium romana xa esquecida e refundándose a cidade no século XIII co seu novo nome de Crunia, a Torre sería coñecida coma Castelo Vello. A Idade Media foi un tempo onde os feitos históricos mesturábanse coas lendas de forma habitual, sendo o famoso rei Alfonso X “O Sabio” quen uniu por primeira vez na súa “Estoria de Espanna” a figura de Hércules co monumento coruñés. Pero aínda tardaría varios séculos en empregarse de forma xeralizada o nome do faro relacionado co fillo de Xúpiter.
Nesta fotografía a Torre de Hércules comparte protagonismo cun Ford T do ano 1909. Pero que isto non nos leve a engano, a imaxe non é tan antiga. No momento da captura este vehículo xa era todo un clásico. Pasou pola Coruña en 1966, por mor dunha aposta. O seu propietario, Salvador Claret, e o seu amigo Alberto Maluquer comprometéronse a dar a volta a toda a península ibérica conducindo esa peza de museo entre novembro e decembro do devandito ano.
Eran os presidentes e fundadores de dous clubes automobilísticos, o Motor Club Girona e o Amigos dos Coches Veteranos, respectivamente. Na imaxe circulaban cheos de ilusión, deixando constancia da etapa cumprida, baixo a mirada dunha Torre que xa viu pasar dende galeiras romanas e drakkars vikingos ata os enormes transatlánticos actuais cheos de turistas. Distintos tipos de invasións chegando ós seus dominios. Un espazo onde preferimos esquecer petroleiros e recordar curiosas estampas coma esta, co precioso Ford e as rochas de fondo onde se ergue, eterna, a atalaia do Atlántico.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.
OLLADAS DOUTRO TEMPO
- San Amaro (1920).
- “Orzán, oleaxe”.
- Campo da Derruba.
- Avda. Da Mariña (1858). A foto máis antiga da Coruña.
- Camiño de Garás.
- SANTO DOMINGO DENDE CORTADURÍA.
- CASA GÓTICA
- San Andrés con Santa Catalina.
- Porta do Parrote.
- San Francisco e A Maestranza.
- Cantón Grande.
- Praza de Mina. 1906.
- San Andrés. Avrillón.
- Praia do Parrote e Cárcere Real.
- Mercado do Peixe. San Agustín.
- Santa Catalina.
- Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán.
- Fábrica de Tabacos.
- Banco Pastor.
- Mercado da Guarda.
- Panorámicas e vidros.
- O Xardín de San Carlos.
- Pazo Municipal.
- Campo do Carballo e Camiño Novo.
- O Campo da Estrada e o Aviador.
- Lavadoiro do Orzán.
- Porta dos Sares.