InicioA CORUÑAInés Rey: "Hai algún partido que quere meterlle medo á cidadanía falando...

Inés Rey: “Hai algún partido que quere meterlle medo á cidadanía falando permanentemente de inseguridade”

Publicada o

Por Xurxo Salgado
Falamos con Inés Castro. É unha conversa moi rápida porque, agora, no final da campaña, anda dun lado para outro de acto en acto. Insiste no proxecto de cidade que foi construíndo estes catro anos fronte á “parálise” dos catro anos de Xulio Ferreiro. Destaca que vai continuar con ese modelo de cidade co que aspira a ter a maioría o vindeiro 28M. Se non é así, non descarta falar con outros partidos.
Hai catro anos, en plena campaña quedei contigo nunha cafetería de Oza…
Non, non. Era nos Castros
Efectivamente, ao final dos Castros. Entón acababas, como quen di, de iniciar a túa actividade política como candidata e uns días despois eras elixida para liderar esta cidade. Desde entón, pasaron moitas cousas. Que cambiou na cidade?
Pois que A Coruña está moito mellor que hai catro anos. Superamos etapa gris  na que non se cría nas potencialidades da Coruña e revertemos esa situación, mesmo afrontando unha pandemia. E, a pesar de todo, recuperamos ese orgullo de cidade. Somos o motor ecómica de Galicia e un referente en moitas políticas. Aí está o exemplo de ter conseguido a sede da AESIA, as políticas sociais que puxemos en marcha.  Recuperamos ese orgullo, esa ambición que lle falta a esta cidade.
E supoño que Inés Rey tamén creceu como política?
Eu xa tiña unha militancia longa no partido cando cheguei aquí, aínda que non tivera ningún cargo público.. Pero, evidentemente, estes catro anos deume unha experiencia e un coñecemento máis profundo da administración e das políticas que podemos facer desde o concello que son moitas.
Falas dunha cidade que é un referente, que se converteu nun referente, pero que outros proxectos tes para estes catro anos?
O gran reto que temos é a segunda gran modernización da cidade e a recuperación económica, coa potenciación da industria TIC. Froito diso conseguimos ter a a axencia da AESIA. Imos seguir coas politicas sociais e axuda aos mozos e persoas maiores. O maior investimento en política social fixémolo con este goberno, máis de 30 millóns de euros nos orzamentos e tamén queremos seguir despuntando como cidade referente en cultura e deportes. Tamén queremos seguir avanzando na humanización e mobilidade sostible co gran éxito de BiciCoruña e a recuperación de espazos para uso cidadáns para facer unha cidade máis humana que xa está ao nivel de calquera cidade europea.
En todo caso, nesa idea de proxecto que tes hai bastantes queixas, sobre todo no relativo á seguridade, limpeza e obras. Que lle dirías ás e aos coruñeses que estes anos se poden sentir máis inseguros ou teñen incomodidades polas obras?
Iso é unha estratexia dalgúns partidos políticos que tentan meterlle o medo á cidadanías falando permanentemente de inseguridade. Galicia é a terceira autonomía máis segura de España. Eu xa lle reclamei á Delegación do Goberno máis medios e unha comisión técnica de seguimento entre a Policía Local e a Policía Nacional. Sobre as obras, recoñezo que pode causar molestias pero levamos realizadas 526 actuacións das que 49 están en execución en todos os barrios da cidade. É certo que son molestas cando se fan, pero logo, cando están feitas ninguén quere volver ao de atrás. O problema é que había tanto tempo que non se facían obras na cidade e agora somos a cidade con máis licitación de obra pública de Galicia. E iso é porque a cidade vai avanzando e mellorando.
Sobre proxectos que comentas, hai unhas semanas, nunha entrevista con Xulio Ferreiro comentabame que boa parte do que se está facendo na Coruña é porque quedou licitado e proxectado da súa época como alcalde…
Non vou discutir, pero o goberno que conseguiu 53 millóns de fondos Next Generation que financia a maior parte destas obras foi o meu goberno, o mesmo que montou BiciCoruña e penso que os coruñeses teñen memoria e saben perfectamente que os catro anos que gobernei eu non teñen nada que ver cos catro anos nos que gobernou Xulio Ferreiro cunha paralise absoluta e nivel de crispación que conseguimos reverter.
E hai un tema que cando estás aquí na Coruña percibelo máis que é o tema do mar. Hai unha parte da cidade que vive cara o mar pero hai outra pechada polo porto. Estivo aí o tema de que facer coa Medusa e ao final foi desmantelada. Tedes pensado abrir a Coruña interior máis cara ao mar?
Neste goberno foi cando se abriu o porto á cidadanía, non só para pasear por el, senón para facer eventos culturais de primeiro nivel como foron as exposicións que organizou a Fundación Marta Ortega ou os concertos do Noroeste, Noites do Porto ou Morriña que se fará este ano. Conseguimos esa apertura á cidadanía e seguiremos afondando nesta vía. A conexión con Punta Langosteira xa é unha realidade ou a desafección dos peiraos interiores.
Falabas agora da Fundación Marta Ortega. Como é a relación de Inés Rey cos grandes empresarios da Coruña?
A relación con todo o tecido empresarial coruñés é óptima e saben que teñen un goberno que quere que aquí se instalen empresas, que creen emprego de calidade, tanto internacionais como pemes. E os datos están aí e hoxe somos o motor económico de Galicia.
Vexo que defendes a morte ese proxecto que tes para Coruña pero sabes que para facelo necesitas unha maioría ampla. As enquisas non a dan para ningún partido. Non sei se barallas algún pacto, pacto que non conseguiches nesta lexislatura?
Esa é unha decisión dos cidadáns. Eu apelo ao voto progresista dunha Coruña que non se pode parar nin quedar atrás e que ten que seguir avanzando e iso está garantizado pola papeleta que encabezo eu. Por iso aspiro a ter un goberno sólido e maioritario e sen ataduras.
En todo caso, estás aberta a falar con outras formacións de esquerdas se non consegues esa maioría absoluta?
Eu levo falado con todas as forzas políticas e se algo ten caracterizado o meu mandato é o diálogo, que non vou cambiar. Iso non quita que non aspire a unha maioría ampla para desenvolver o noso modelo de cidade.
Falas de diálogo pero que pasou nos primeiros momentos do teu mandato con eses problemas que tiveches con xente da túa candidatura?
Eu estou centrada en gobernar esta cidade cun modelo para que avance. E nesta recta final estamos incidindo nese proxecto trasformador.
Desvías a resposta pero entendo entón que están cosidas todas as feridas..
Nos equipos hai cambios sempre. Son dinámicos. O importante é o proxecto e os coruñeses e coruñesas e niso estamos traballando.
Sabes que son importante os resultados da Coruña, tamén os de Ferrol e Santiago, pero sobre todo, A Coruña para manter a deputación. Ves o goberno socialista da deputación tranquilo?
Non creo que vaia a haber problemas en mantela.
O PSdeG acaba de ter movementos importantes. Miñones para Madrid, Besteiro para a delegación do Goberno. Como valoras estes cambios?
Creo que é moi importante que o Goberno central valore a experiencia e a profesionalidade de Miñones como ministro de Sanidade e tamén a recuperación para a política de José Ramón Gómez Besteiro é unha magnífica noticia logo de tantos anos de travesía no deserto por mor desas inxustas acusacións e anónimos dunha candidata do PP á Alcaldía de Lugo. É unha mangífica noticia para o PSdeG, peo tamén para Galicia.
Hai cargos socialistas que falan de campaña sucia no PP esta campaña. Estás dacordo?
Eu estou centrada na campaña da Coruña. En propoñer un modelo de cidade que creo que somos o único partido que ten propostas realistas e serias. Quen queira embarrar, alá el.

ÚLTIMAS

A información pública o estudo informativo dun ramal da liña ferroviaria de Coruña con Betanzos e Ferrol

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vén de presentar a información pública o...

Coruña segue curando Senegal

Orgullo sente a veciñanza coruñesa cando ve novas coma esta. Ver como 15 voluntarios...

O estudantado coruñés berrou alto o “Valencia non estás soa”

Centos de estudantes das universidades coruñesa secundaron a convocatoria do Sindicato de Estudantes para...

As enfermeiras denuncian as consecuencias psicolóxicas da sobrecarga asistencial

O 60% pensaron deixar a profesión. --- --- --- Continúa aumentando a precariedade, e o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here