O Ministerio de Educación sostén que a comisión delegada do Consello Xeral de Política Universitaria (CGPU) emitiu en marzo do pasado ano un “informe desfavorable” sobre a nova universidade privada que Cesuga planea na Coruña, aínda que a Xunta tería a potestade lexislativa de decidir se vai ou non para diante. Fontes do Ministerio consultadas por Europa Press indicaron que o pronunciamento desfavorable no marco do Consello Xeral de Política Universitaria concretouse “con sete votos en contra e sete abstencións, incluída a do responsable autonómico de Universidades”.
Tras este informe, o Ministerio entende que non ten “trámites” pendentes, e que é a Xunta, segundo a lei vixente, a que terá que adoptar unha decisión en relación a se autoriza a universidade. O informe da CGPU, aínda que é preceptivo, non é vinculante, e segundo indica o departamento estatal, comunidades como Canarias, Andalucía ou Madrid deron pasos nos últimos meses para impulsar proxectos que lexislen novos centros deste tipo aínda co informe en cuestión en contra.
A XUNTA, CAUTA, SI VE NECESARIA “UNHA ACLARACIÓN” DO MINISTERIO
Con todo, esta mesma semana, preguntado sobre a posible creación da universidade privada Emilia Pardo Bazán, impulsada por Cesuga, o conselleiro de Educación, Román Rodíguez, si consideraba que era necesaria “unha aclaración” por parte do Ministerio e mostrábase cauto sobre a posible decisión da Xunta. “Celebramos que haxa unha iniciativa, pero todas teñen un procedemento”, manifestou.
O Corufest 2025, festival de artes escénicas pola diversidade afectivo sexual, entregou este venres na súa gala inaugural, celebrada no Centro Ágora da Coruña, o Recoñecemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, que nesta edición recae sobre a Asociación Ás A Coruña.
“Polo seu papel fundamental na defensa dos dereitos LGTBIQ+ e na loita pola xustiza tras o asasinato de Samuel Luiz”, informaron desde a organización en relación ao crime do novo e polo que foron condenados outro catro novos.
O premio foi entregado polos directores do Corufest, Gustavo do Río e Xosé Leis, á presidenta da entidade coruñesa que representou a acusación popular no asasinato cometido na Coruña en xullo de 2021, no paseo marítimo coruñés.
“Recibir un premio que leva o nome de Samuel Luiz é, para nós, un acto de memoria e de xustiza”, afirmou no seu discurso Ana G. Fernández, para recodar que desde Ás A Coruña se personaron como acusación popular no xuízo polo seu asasinato “co obxectivo de visibilizar a motivación homófoba do crime e de sentar un precedente legal que recoñeza e condene a LGTBIfobia”.
Coincidindo coa visita de Marta Ortega á conmemoración da apertura da primeira tenda de Zara, hai 50 anos, en Juan Flórez, unha marea de traballadores do grupo Inditex concentráronse este venres en resposta á pretensión da multinacional de recortar aos poucos os dereitos que o persoal das tendas da provincia da Coruña ten consolidados dende hai anos.
“Estamos moi contentas de ser partícipes dos éxitos desta gran compañía, pero non pode ser a conta de recortar os nosos dereitos”, valoraba Lucía Domínguez, delegada da CIG, durante a protesta. A representante da CIG explicou que a empresa comunicou abertamente que vai restrinxir ao máximo a utilización dos permisos e devolucións de horas; que vai comezar a denegar “o que nunca se denegou” e que vai endurecer as condicións das licencias e demais medidas de flexibilidade horaria que as traballadoras conseguiron a través da loita.
Para as delegadas e delegados da CIG nas tendas, esta decisión supón un paso máis no proceso de centralización das relacións laborais iniciado por Inditex tras a mobilización de 2022, que derivou no histórico acordo de incremento salarial. Domínguez advertiu que o que busca a multinacional é “deixar sen capacidade de acción aos comités provinciais a través dos que se foron negociando e conseguindo importantes melloras laborais e salariais, e minimizar a representación que maioritariamente as dependentas da Coruña deron á CIG”.
Criticou que malia existir un acordo para retomar a mesa de negociación provincial, toda aquelas materias laborais e sociais que ficaran pendentes hai tres anos permanecen estancadas porque a empresa alega que xa se están tratando noutros ámbitos de negociación estatal. Unha estratexia para trasladar as relacións laborais lonxe das traballadoras da Coruña que considerou unha especie de castigo de Inditex “xa que foi aquí onde comezamos a loita para gañar unhas reivindicacións que despois a empresa tivo que estender ao resto do Estado”.
Celebrouse esta mañá de venres 9 de maio, ás 9:30h no Espazo Avenida de Abanca nos Cantóns, a clausura do mal chamado proceso participativo do ‘Coruña Marítima’. Porque nin houbo participación real nos 5 encontros formulados no Palexco (o día de maior aflluencia pública foi de 20 apenas cidadáns), nin o proceso de participación online foi suficientemente publicitado (apenas houbo 150 persoas que traslaron achegas), nin nesta xornada de clausura se permitiu a participación das entidades veciñais.
O anuncio da xornada lanzado pola Autoridade Portuaria e a Comisión Coruña Marítima deixaba clara que a entrada era libre, pero ao chegar ás portas do edificio membros de entidades como Defensa do Común, Atochas-Monte Alto, Agra do Orzán ou Ergosfera, atopáronse con que lles vetaron a entrada.
Coa excusa de que non había espazo (escolleron un auditorio onde practicamente cabían só os invitados), a organización impediu a presenza deste grupo de cidadáns comprometidos, que quedaron ás portas do edificio protestando coa súa pancarta para esixir que a definición da renovación do porto se faga través dun foro de participación estable e aberto, un proceso de participación real.
Representantes de entidades veciñais da cidade foron vetadas no Foro Coruña Marítima
“É lamentable todo este proceso”, critica Ricardo Vales, de Defensa do Común. “Non podemos saber se aceptaron ou non as alegacións que tanto preparamos”. ”É das cousas máis tolas que vin na miña vida”, critica Iago Carro, de Ergosfera, ao verse vetado a un acto público no que “están fardando de proceso participativo. Paréceme indignante que despois nos riamos do trumpismo…”
Mentres, á Comisión éncheselle a boca falando de partipación, sinalando que houbo preto de 38.000 persoas que visualizaron de forma activa a información sobre o proxecto, e que máis de 150 persoas trasladaron preto de 700 suxestións, chegando a considerar que “a sociedade referendou en máis do 95% os Acordos Estratéxicos do proxecto”.
”Colaboración”
Así o chamado “encontro cidadán” do Foro Coruña Marítima
Xa dentro do auditorio, os membros do PP e PSOE e do resto de administracións implicadas (interviron Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña, e Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña) apelaron á “colaboración” institucional para desenvolver o proxecto.
A Sinatura dos Acordos estratéxicos
Reunión de políticos e institucións para asinar os Acordos Estratéxicos
Antes do evento, os tres grupos políticos e as seis institucións representadas na Comisión Coruña Marítima (Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible, Portos do Estado, ADIF e Autoridade Portuaria da Coruña), asinaron os “Novos Acordos Estratéxicos (9 de maio de 2025”, aprobado cos votos a favor de PP e PSOE e coa abstención do BNG.
Un documento que formulas as bases polas que se rexirá o Master Plan (que será licitado), baseado en 14 Acordos Estratéxicos, divididos en cinco bloques: ámbito portuario, mobilidade, ámbito cidadán, ámbito ambiental e ámbito económico.
O documento segue recollendo a dotación de usos residenciais na zona de San Diego, onde tamén irían outros equipamentos culturais, sanitarios, deportivos ou sociais, incluído un “multiusos cuberto de gran capacidade”.
Ademais, o documento recoñece que os desenvolvementos dos portos de Batería e Calvo Sotelo, liberados de atuoridade portuaria, se realicen a través de “modelo concesional”.
Por outra banda, sinala a importancia de manter a mobilidade ferrviaria, pero asumen o traslado total do uso pesquero industrial á zona de Oza-Petroleros. Tamén inclúe a integración do río de Montelos.
Con todo, o documento base non clarexa nada sobre o financiamento do proxecto, e non fai referencia á venda de solo para a construción de vivendas privadas co obxectivo de saldar a débeda da Autoridade Portuaria co estado pola construción do Porto Exterior.
Esa é precisamente a razón da abstención do BNG, ao considerar que” non se deron despexado as incógnitas sobre as vías para o financiamento do proceso de transformación da fronte marítima da cidade”. “Estes acordos continúan a incorrer en contradición e a ser ambiguos sobre a forma en que se vai financiar o deseño da nova fronte marítima. Baixo o punto de vista do Bloque, e ese é o miolo das achegas da formación nacionalista hai que dar por definitivamente superados os convenios de 2004, isto é, hai que fechar a porta a calquera operación de venda de activos, de privatización de terreos, como medio para liquidar a débeda da Autoridade Portuaria”.
A xunta de persoal da área Sanitaria da Coruña-Cee presentou un escrito ante o Valedor do Pobo para solicitar o amparo do alto comisinado do Parlamento ante a “pasividade” da xerencia desta zona asistencial e da Consellería de Sanidade para establecer medidas de prevención contra as agresións a profesionais do sector.
Este venres, a presidenta da xunta de persoal da área Sanitaria da Coruña-Cee, Lucía Peón, acompañada de representantes dos sindicatos Comisións Obreiras (CC.OO), a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) e a Confederación Intersindical Galega (CIG), presentou o escrito no que pide a intercesión da institución dirixida por María Dores Fernández Galiño.
O documento repasa os feitos cronoloxicamente desde a agresión do día 3 de febreiro a un enfermeiro na área de urxencias do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC), así como as solicitudes interpostas pola xunta de persoal nestes meses.
Ademais, expón que a única medida que se implantou foi o ‘botón do pánico’, un mecanismo que se ten que activar desde o computador, polo que, tendo en conta que o 90% da atención é a pé de cama, explica Peón, “non é unha medida efectiva”.
A representante da xunta de persoal lembrou que “levan anos” denunciando o “incremento da conflitividade” nos centros sanitarios debido, “a maioría de veces”, ás “longas listas de espera”, a permanencia “prolongada” no servizo de urxencias e a falta de camas de hospitalización.
En está liña, Peón relatou que o servizo de urxencias do Chuac carece dun espazo para os pacientes de saúde mental. Isto súmase a que estes permanecen “moitos días neste servizo por falta de camas na unidade de agudos”. Segundo destaca, as obras ían empezar en febreiro, pero a día 9 de maio aínda non comezaron.
Así mesmo, trasladou a falta de profesionais médicos no cárcere de Teixeiro, que xera a utilización de recursos do Servizo de Atención Primaria de Curtis-Teixeiro. Segundo a súa versión, esta xestión “faise sen un protocolo e sen contar coas forzas da orde pública”.
Finalmente, a presidenta da xunta de persoal reiterou a súa petición de establecer medidas unha vez ocorre esa agresión ou hai un paciente excitado. “Nin a consellería, nin a xerencia están á altura da situación”, concluíu Peón.
Este sábado, 10 de maio, poderás coñecer de primeira man os artistas coruñeses, os seus centros de traballo e creación e os seus procesos creativos. Celébrase unha nova edición da
xornada de portas abertas Estudios Abertos, coa participación dun total de 39 talleres artístico da cidade.
A xornada terá un horario de 11.00 a 21.00 horas e participarán profesionais das diferentes
artísticas: escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica ou multidisciplinar.
O acceso para a cidadanía é gratuíto e diferentes estudios contarán con programación
complementaria e visitas guiadas abertas ao público.
Actividades paralelas
En total, haberá 14 actividades paralelas.
Carmen Soriano Pereda. Presentación da instalación Espacio en Obra, xunto coa paisaxe sonora creada polo músico Miguel Ángel Fernández.
Chelo Facal. Aparte das visitas guiadas que ofrecerán Chelo Facal e Alberto Franco de 11:30 a 15:00 e de 16:30 a 19:00, María Piensos Linares e Willy Eter farán unha performance ás 19:30.
Edgar Ortiz: Desenvolverá unha visita guiada infantil ás 11 horas. Trátase dunha visita didáctica polo proceso artístico amosando as distintas zonas, características e materiais usados do estudio.
Ese Sitio (Mónica Borrás): Obradorio ‘Crea tu monstruo’, impartido por Morato Por. Destinado á rapazada de a partir dos 3 anos, crearán un monstro de forma libre nunha tarde chea de imaxinación e creatividade. Celébrase a partir de 17:30 horas.
Espazo Salgado: As artistas María Salgado e Xosé Salgado durante a xornada no Espazo Salgado, desenvolverase unha intervención pictórica na cristaleira do local de 4,1 x 2,8 m.
Gosia Trebacz (STO LAT_ taller de arte_ laboratorio de ideas): Ademais das visitas guiadas (11:00-12:00h, 16:00-17:00h e 19:00h), a artista ofrecerá no seu estudio as actuacións musicais de César de Centi y Pedro Lamas e un recital de poesía a cargo de José Vázquez Liste e Xoán Pedreira.
Lidia Carrión: Obradoiro de técnicas mixtas de 10:00 a 12:00 horas (prazas limitadas)
Manuel Suárez: Da man de Fatfish DJ no estudio de Manuel Suárez haberá sesións de tecno e imaxes durante toda a xornada.
Mónica Coto: Obradoiro de collage e creatividade de 11.00 a 12.00 horas (inclúe o material) e concerto con María Carolina e as súas versión de Led Zeppelin ás 13:30.
Noemí Penela: Obradoiro infantil “Pintando con plantillas” impartido por Noemí Penela e Ingrid Soilán de 12:00 a 14:00 horas. Ademais, ás 17:30 as actrices Uxía Vázquez e María Polo e a cantante María Garat inspirará con “La visita de las musas”.
Nunca Choveu (Špela Trobec y Luis Rapela): Lectura de poemas do poeta Carlos Abeledo ás 13:00 horas.
O raposo púrpura (Nacho Martínez): Proxección da curtametraxe de Elis Prostotak “the Graeae” (2023)
Victoriano Fernández: Realización dunha peza pictórica entre os catro artistas que participan no estudio este ano. Elaborarase de 18:30 a 20:30 e ao finalizar poxarase entre o público asistente.
Viena’s Studio: Sofía Cabrera fará unha demostración da técnica óleo con espátula de 17h a 18:30h. Ademais a realización dunha obra colectiva: haberá dispoñible un lenzo no que todo o que visite o estudio poderá probar a facer un trazo en acrílico con espátula.
Xulia Weinberg: Clases de acuarela impartidas por Víctor
Novas concentracións as celebradas no mediodía de onte xoves ás portas de Inditex, no marco da folga das auxiliares do emporio empresarial, que provocaron que onte non houbese servizo de comedor nin limpeza nas instalacións da multinacional no Polígono de Sabón.
O 100% do persoal Sodexo, Samsic e Veolia (tres das principais contratas de Inditex que agrupan a unhas 300 persoas ocupándose dos comedores, a limpeza e o mantemento respectivamente) iniciaron este xoves un calendario de folgas e paros parciais ante a imposibilidade de chegar a un acordo digno para a mellora das condicións salariais e laborais.
Ao berro de “traballo para Inditex e non chego a fin de mes”, as traballadoras e traballadores evidenciaron a súa disposición a loitar por uns salarios xustos acordes coa gran empresa para a que prestan servizos, que pechou o ano 2024 con cifras récord en vendas e beneficios.
O paro continuará este venres, polo que tampouco haberá servizo de comidas.
Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos, denuncia que as negociacións para a renovación dos pactos de melloras que se aplican ao persoal destas auxiliares “están estancadas pola negativa de Inditex a incrementar os orzamentos que destina ás contratas”. Subliña que as traballadoras e traballadores destas empresas prestan servizos imprescindíbeis para o funcionamento diario das instalacións de Inditex, “pero cos salarios que cobran teñen dificultades para chegar a fin de mes”.
Lembra que “ademais de cobrar moi pouco”, este colectivo laboral tampouco goza das melloras e das condicións favorábeis que ten “o resto do persoal co que conviven a diario”. A este respecto, Pérez subliña que a maioría do persoal destas auxiliares “é máis veterano que a media de persoas que traballa directamente para Inditex, e hai quen leva máis de 30 anos”.
Ante o estancamento da negociación e a imposibilidade de chegar a acordo, as asemblea de persoal valorarán a posibilidade de ir a unha convocatoria de folga indefinida en demanda de salarios e condicións xustas.
O Teatro Colón acollerá o venres 23 de maio ás 20.00 horas a estrea de ‘Sophie non é o meu nome de guerra’, unha obra sobre a trata de mulleres e contra a violencia machista, o racismo e os discursos de odio. A entrada será gratuíta.
Segundo trasladan os seus promotores, este espectáculo de Redrum Teatro financiado pola Deputación da Coruña adapta o texto homónimo polo cal Roberto Pascual conseguiu en 2021 o Premio Rafael Dieste. A peza traza desde as táboas unha “viaxe emocional e xeográfica” entre Camerún e A Coruña.
A historia, engaden, narra “un duro periplo vital no que a protagonista, Sophie, enfróntase á violencia de trátaa das mulleres, ás restritivas políticas migratorias e á hostilidade que brota nos países de acollida, tanto a que vén dada pola animosidade institucional como pola invisibilidade que rodea ás mulleres migrantes”.
Así o explicaron, este venres en rolda de prensa, a directora do espectáculo, Laura Míguez; o autor do texto, Roberto Pascual; a actriz Alixa Ladson — quen xunto a Camille Hedouin protagoniza a peza –; e a deputada de Cultura do organismo provicial, Natividade González.
FESTIVAL INTERNACIONAL +QJAZZ
A Coruña acollerá entre o 1 e o 8 de xullo unha nova edición do Festival Internacional +QJazz. O ciclo reunirá “o mellor do jazz, blues, son cubano e música brasileira” en diferentes espazos da cidade como o Teatro Colón, o Jazz Filloa, o Garufa Club ou a Sala Mardi Gras.
Así o anunciaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o director do encontro, Pepe Dourei, este venres durante a súa presentación.
A programación, segundo concretaron, é “exquisita e ecléctica” e inclúe “figuras consagradas do jazz, lendas do son cubano, mestres do flamenco-jazz e propostas cheas de frescura como o blues europeo ou a música popular brasileira”.
O encontro comezará o martes día 1, no Teatro Colón, coa actuación de Champian Fulton Quartet, pianista e vocalista estadounidense recoñecida pola crítica internacional e unha das figuras máis destacadas do jazz vocal actual.
Pleno máis tranquilo do habitual este xoves 8 de maio no Pazo de María Pita (podes velo na canle de youtube municipal. Non houbo longas retaílas e, de feito, moitos dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade.
Un dos que non sumou as vontades dos 3 partidos, e que representou as diferentes partidistas nas distintas administracións, foi a moción presentada polo BNG sobre o actual estado de abandono do Centro de Orientación Familiar de Orillamar. Con todo, o seu paso polo pleno foi un paso importante para acabar con esta situación, e axudar a chegar a un entendemento entre o Concello e a Xunta. O BNG leva meses criticando o desleixo tanto da Xunta como do Concello, e aceptou unha emenda do PSOE (e rexeitou unha do PP) pero asegurando que vai esixir e fiscalizar que o Concello asuma as súas responsabilidades na reformulación do novo convenio e non provoque a suspensión dos necesarios servizos que ofrece ás mulleres da cidade.
Porque como explicou a concelleira de Servizos Sociais Nereida Canosa, falamos dunha infraestrutura sanitaria que se rixe por un convenio asinado entre o Concello e o Insalud en 1986. Dende aquel, as numerosas reformas lexislativas deixan claro que o convenio debe considerarse “extinguido”, e que as obrigas en materia sanitaria son competencia da Xunta. Con todo, é certo que foi o Concello o que foi deixando de renovar o edificio, ou que foi deixando de contratar persoal que viña recollido no devandito Concello (persoal admnistrativo…) deixando caer a calidade do servizo.
Canosa explicou como vai o proceso de negociación co Sergas. Confirmou que en xaneiro mantiveron unha reunión as dúas administracións, e que en febreiro o Concello remitiu o informe da Asesoría Xurídica no que explica a necesidade da renovación do convenio e deixa claro que o Concello non pode convocar nin cubrir prazas sanitarias. Tras varias conversas informais, Canosa sinalou que a Consellería vai contestar en breve.
O PP, que votou en contra da moción, cargou contra o abandono por parte do Concello en canto ás instalacións como o persoal, sinalando que o Sergas propuxera que o concello abrise unha nova oferta de emprego e que se flexibilizase o horario, obviando que foi o propio goberno popular o que en 2013 eliminase o horario de tarde de atención ao paciente.
Instituto José Cornide
A corporación aprobou a modificación dos estatutos do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. O Concello recolleu a necesidade de adecuar a súa estrutura e funcionamento aos novos tempos, unha vez que os estatutos datan de 1988. Coa moción creáse un novo plenario ampliando o número de membros, incluíndo representantes municipais.
“Reinvención de Espazo Coruña”
Tamén foi aprobada por unanimidade a aprobación definitiva da modificación puntual número 3 do Plan parcial do Sector 7 “Recinto feiral de Someso”, que en realidade pretende permitir novos usos no Espazo Coruña. Tanto o BNG como o PP recoñeceron o fracaso da proliferación dos centros comerciais na cidade, e da necesidade de protexer e por en valor o comercio local.
IES “Masculino”
Aprobouse tamén o Estudo de detalle para a cubrición dunha pista exterior no IES Salvador de Madariaga, o Masculino, tendo coidado coa contorna. O PP criticou os 2 anos e medio de retraso no procedemento.
Moción sobre o barrio da Silva
Tamén foi aprobada por unanimidade a moción do BNG sobre a necesidade de acometer as medidas acordadas en pleno hai 4 anos, para os barrios da Silva e Cances, sen non se fixo ningunha medida.
O PP, falou de seguridade en vez de memoria, e lembrou a súa posición de revogar a Lei de Memoria Democrática. Pola súa parte, o PSOE evitou facer autocrítica e sacou peito do seu traballo realizado, sendo aprobada a moción cos votos a favor de PSOE e BNG e os votos en contra do BNG.
PEMU
O PP presentou unha Moción relativa á redacción do novo Plan de Emerxencias Municipal (PEMU), en relación ao apagamento. Foi aprobada por unanimidade.
O Parque Vixía de Monte Alto
Volveu o Carlos San Claudio tomar a palabra no pleno coa súa habitual forma populista de expoñer unha moción popular con propostas para Monte Alto. Con continuas alusións á alarma social por unha irreal inseguridade, calificando á rexedora como “alcaldesa por sorpresa”, o concelleiro instou a acompeter actuacións pendentes como a creación do Parque do Vixía, anunciado en 2020, ou a recuperación e rehabilitación da antiga prisión provincial de cuxa cesión non hai ningún avance.
O BNG votou a favor da moción, pero sen esquecer criticar a ridícula presentación do edil, e lembrar que este tema xa presentado polo seu grupo en reiteradas ocasións.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, reivindicou os máis de 20 millóns de investimentos no barrio (aínda que non estean executados), pero votou a favor da moción, que tamén foi aprobada por unanimidade.
Fixéronse públicos onte públicoss finalistas dos Premios Martín Códax da Música. As bodegas de Cambados realizaron onte un evento onde anunciaron os finalistas tralos centos de proxectos presentados.
Os premios elixirán os gañadores nas 19 categorías, e será o público o que decida, pois xa está aberto o prazo para votar ata o 25 de maio en premiosmartincodaxdamusica.gal. O 28 de maio anunciarán os gañadores.