InicioOPINIÓNUnha historia verdadeira

Unha historia verdadeira

Publicada o

Por José Manuel Sande

Durante uns anos, Didac Aparicio foi a cabeza visible do selo videográfico Intermedio, coñecido polas súas tan persoais como coherentes apostas cinematográficas, aderezadas pola excelencia de catálogo e contidos, con materiais complementarios esixentes, novidosos. Un día, Aparicio decidiu abandonar o cine, creando en 2011 unha editorial, Contra, especializada en cultura popular, orientada sobre todo en dous ámbitos, deportes e música. Por fortuna, unha conxunción de circunstancias facilitou que o deporte na súa vertente escrita deixara de ser pouco menos que proscrito e contemplado baixo parámetros elitistas, e o editor, coa súa proverbial sagacidade e capacidade de risco, foi alimentando un catálogo suxerente, cheo de xoias que, non é baladí, deixan atrás ocos de coñecemento históricos.

Observando que na selección musical son moitas as pezas destacables –mención especial ao lirismo intenso e desquiciado de Fuego eterno. La historia de Jerry Lee Lewis de Nick Tosches ou a propia autobiografía de Mark Lanegan-, o deporte ten un fondo editorial baseado fundamentalmente en tres disciplinas, o baloncesto, o ciclismo e o fútbol. Este último outono editaba Coast to Coast. Un viaje por los márgenes de los Estados Unidos a través del baloncesto, un ensaio de viaxes fascinante que, co baloncesto –entendido como ente poliédrico, multicor- como epicentro, coa música en deliciosa amalgama, moldea nada menos que un estimulante informe sociopolítico de primeira orde sobre os Estados Unidos, un empeño laborioso: a comprensión do carácter distintivo dunha sociedade a través dunha práctica concreta.

Froito dun desprazamento polo país do seu autor, o xornalista freelance Fernando Mahía (A Coruña, 1990), iniciado en maio de 2019, como ben se nos indica, tempos de Trump, cando todavía vive Kobe Bryant e non chegou a pandemia arrasadora, o libro funciona como un manual erudito, cheo de referencias, marcado por unha mirada respectuosa sobre a contorna, con humor e honestidade.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Fernando Mahía (@fernando.mahia)

A narración, o periplo en si, prosa de carreteira, furgoneta Dodge Gran Caravan do 2001, perspicaz e apaixoada, comeza nas históricas canchas de Rucker Park, espazo antolóxico do deporte nas rúas de estirpe afroamericana, e remata en setembro de 2019 no Oeste, na outra costa, arredor de San Francisco -lugar onde o autor residiu un tempo- e o potencial do actual campeón da NBA, os Golden State Warriors, coa inauguración do Chase Center, o seu novo pavillón. O texto permite pasar da frescura lumpen do xogador de rúa por excelencia, Earl Manigault, á xenialidade de Pete Maravich –protagonista da biografía tamén editada por Contra Pistol de Mark Kriegel, auténtica traxedia shakesperiana de memorable lectura-, dun modo no que o fresco deportivo e social pasea por estados variopintos e enriquecedores: o sustrato caribeño; o legado puritano; o pioneiro James Naismith; o Akron de Lebron James; o deporte de Flint; os veciños de Larry Bird e o mito da Indiana hoosier; o paseo polos Apalaches; a caída aos infernos de Schuye LaRue; a WNBA; a marca Globetrotter; os Memphis Grizzlies e as pisadas de Otis Redding; Lusia Harris, primeira muller no draft da NBA ou a nativa Ryneldi Becenti.

Fernando Mahía posúe un sentido da construción no que o didactismo nunca é un obxecto pesado ou impositivo, cunha marcada habilidade para trascender o recordo persoal e transformalo en peza do puzzle-epítome resultante, un conxunto de personaxes, espazos, narracións, anécdotas, notas ou fitos que non eluden as sensacións máis agridoces dunha sociedade empurrada e coaaccionada en tantos aspectos pola aspiración ao éxito. Polo demais, ese conxunto plural, espallado nun sinfín de direccións e que sobrepasa as restriccións do microcosmos, complementa con eficacia a ollada presente na nómina de obras estadounidenses relacionadas con este deporte traducidas grazas á editorial, títulos como Showtime, Las reglas de Jordan, Baloncesto (y otras hierbas) ou Cuando éramos campeones.

 

  • José Manuel Sande. Programador cultural, escritor cinematográfico. Parte da Filmoteca da Galicia e da Fundación Luzes.

ÚLTIMAS

(Vídeo) A outra Luísa Villalta: poesía, música e sensibilidade da man de Estíbaliz Espinosa

"Sempre é desandado o camiño”. O camiño que Luísa Villalta fixo e refixo, andivo...

O FEAE á innovación educativa, novo premio para a campaña “Aquí tamén se fala”

Segue colleitando premios, e espallando o poder da lingua galega, o proxecto "Aquí Tamén...

A resaca branquiazul

Celebrou a Coruña, por partida cuádruple, o ansiado ascendo do Dépor á 2ª División....

Acampa pola Paz instalará un campo simulado de refuxiados e un memorial polos menores asasinados en Gaza na Coruña

Acampa pola Paz instalará na Coruña do 7 ao 9 de xuño un campo...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here