InicioOPINIÓNCo grelo na man, a flor do Carnaval!!

Co grelo na man, a flor do Carnaval!!

Publicada o

Por Xurxo Souto

Saio emocionado dunha estrea mundial. A película documental de Omar Rabuñal: “Antroido cascarilleiro, dende Elviña a Monte Alto”.

Cheo absoluto no CGAI. Na primeira sesión tanta xente ficou fóra que houbo que facer outro pase. Cada vez que na gran pantalla soaba unha peza de Canzobre, o público -apoteose choqueira- comezaba a cantar os coros dende as butacas.

Omar conseguiuno: Transmitir a paixón popular con que esta cidade honra o seu Antroido.
O Queleré da Silva, Pivela, o equipo de fútbol das mulleres de Elviña (esas que converteron para sempre en festivo o Martes de Carnaval), os Rexumeiros, os Calaveras, Pivela, o mesmo Canzobre… Talentos tan queridos que -grazas a esta película- acadan por fin a condición de protagonistas. Por suposto, tamén César Sanjosé, choqueiro maior da rúa da Torre. No propio cartel da estrea o director reivindica o seu lema-manifesto: “Co grelo na man, a flor do Carnaval!”

Consonte con esta emoción e inauguro coa súa figura -primeira entrega- o dicionario antroideiro coruñés.

CÉSAR SANJOSÉ:
A estas alturas estaría a piques de comezar as súas vacacións. Dende unhas semanas antes do inicio oficial da festa -disfrazado de Carrapuchiña Vermella, Abella Malla ou Isabel La Católica- anunciaba polas rúas a revolución do Antroido.

Todos o coñecemos, César foi durante décadas o camareiro de voz profunda da cervexaría Estrella. 350 días ao ano de sobriedade e discreción absoluta. E dúas semanas de loucura festeira, entregado as intensidades do Carnaval. Naceu na propia rúa da Torre, a poucos metros de onde o señor Canzobre ensaiaba co seu mariachi. Emigrou de novo a Inglaterra. Adaptouse axiña e, aos poucos, recibiu unha grande oferta laboral: Converterse en xefe de persoal nun novo hotel en Australia. César informouse ben. E aínda que a proposta era inmellorábel, finalmente dixo non: Nas antípodas non celebran o Antroido.

“No Campo da Leña, colocábanse os jipis (sic) da policía nacional para que non pasasen os choqueiros ao centro da Coruña”, tal moitas veces me contou. Naqueles anos heroicos, xa que nin a base da paus conseguían eliminar a festa, as autoridades franquistas montaban barricadas para que os antroideiros non escandalizasen as rúas nobres coa súa presenza. Mais, ao final, sempre cruzaba algún choqueiro-kamikaze.

A César tampouco había jipi que o detivese. Era un superdotado do Carnaval. A súa voz competía en vatios coas megafonías dos bares todos, e gañaba. Durante eses días tanta era a súa entrega que case nin visitaba o leito. Iso si, botaba pequenas sestucas reparadoras na Taberna do Canto do Cuco (rúa Miguel Servet), nunha mesa distinguida por Raúl, o propietario, como “El Rincón de Mr. César”.

Os Maracos, comparsa gloriosa, colocaron neste lugar unha placa que, entre outras loanzas, incluía a letra da súa canción preferida:

En la casa de Irene, entró un inglés,
que, por cuatro pesetas, quería comer.
E Irene le decía: no puede ser,
que aquí no se trabaja para el inglés.

Dende hai uns aniños César xa non aparece como anxo do Antroido. Ten outra cita máis imporante: a eternidade. Mais, aínda que non estea, habemos saber honralo na súa festa. Porque estou certo, señora, que, tal como el nos ensinou, este ano volveremos atoparnos choqueiros na rúa da Torre, “co grelo na man, a flor do Carnaval”.

 

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

Máis artigos de Xurxo Souto

ÚLTIMAS

Esquerda Revolucionaria acusa ao PP da Coruña de ser coma Vox por tentar prohibir un acto sobre Lenin

A portavoz de Esquerda Revolucionaria na Coruña, Beatriz García, denunciou unha "campaña matonil" do...

“Aquí tamén se fala” convértese en Festival!

Impresionante o traballo normalizador que está a realizar o IES Rafael Dieste. Co alumnado...

Catro detidos tras un novo apuñalamento na zona de copas do Orzán

Catro persoas foron detidas esta madrugada tras o apuñalamento dun home na Coruña, na...

O conflito laboral en Jardincelas volve ás rúas de Cambre e Culleredo

Parecía, aló por febreiro, que o conflito laboral en Jardincelas ía camiño de solucionarse....

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here