InicioOPINIÓNO noso 1993. Unha visita á exposición de Meisel

O noso 1993. Unha visita á exposición de Meisel

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

En 1993 eu tiña dezaseis anos, vestía con camisas de cadros do meu pai e chaquetas de la do meu avó, ou con vestidos e botas militares cando quería imitar a Courtney Love; fun a un concerto dos Ramones no Coliseum que coido que durou media hora e foi un dos mellores da miña vida; Kurt Cobain aínda non morrera (cando faleceu o ano seguinte escribín un epitafio que seguidamente tirei ao lixo); na Vogue comezaban a aparecer fotos de modelos coma Stella Tennant ou Kristen McMenamy, coas que me podía identificar porque eu tamén era fraca e non moi fermosa; River Phoenix morría dunha sobredosis dous anos despois de My Own Private Idaho (non lle redactei epitafio); fun a un campo de traballo en Picassent, non fun á ruta do bakalao pero bañeime nunha piscina municipal á madrugada en roupa interior, na niña mente soaba Today de Smashing Pumpkins, non podía parar de rir do perfecto que me parecía todo.

Trinta anos despóis (choro) visito a expo 1993 de Meisel. Chego tarde (inaugurouse en novembro) e reticente porque a fotografía de moda non é unha das miñas paixóns. Vou aproveitando unha visita guiada da Fundación Érguete (grazas nenas). Imos cun grupo nada glamuroso e nada Vogue pero moi entregado á causa.

E vexo que non só hai moda, senón una morea de referencias culturais, algunas que coñezo e otras que me descobre o guía. Recomendo reservar a visita guiada, custa cinco euros que van para a Fundación MOP, ponnos en contexto e revélanos curiosidades, anécdotas e personaxes aos que somos un pouco alleos a este mundo.

Hai moita música: está o fillo de Keith Richards que é coma el pero con douscentos anos menos e sen momificar, a Madonna do libro Sex que semella máis vella que a de agora en TikTok, a Ópera de París e Edith Piaf transmutada en Lucy Ferry, e fotos da famosa editorial Grunge and Glory.
Tamén hai cine: Linda Evangelista facendo bastante ben de Katharine Hepburn, unha Nadja Auerman envolta en prata e chándal Adidas coma recén saída dun baño de Trainspotting, Barbra Streisand máis fermosa que nunca, e outra vez Linda e Kyle MacLachlan post Twin Peaks súper namorados.

Representacións de catro damas da literatura anglosaxona: Virginia Wolf, Edith Wharton, Nancy Mitford (miña adorada) e unha cuarta que non recordó quen é, desculpas aos bibliófilos.
E hai moita moda e beleza claro, porque Meisel firmou vinteoito portadas e un cento de editoriais no 93, (el di que non recorda traballar tanto ese ano) nas que retrata a todas as supermodelos que contribuiu a encumiar, fermosísimas e felices, e aos modelos, efebos belísimos e andróxinos, en Londres, en París, en Nova York, bailando, sorrindo, posando e fumando (fumábamos moito nos año noventa). Reflicte unha beleza non normativa na súa maior parte, un xogo de xéneros, idades e identidades que hoxe en día pode parecernos normal pero que na época non o era tanto e resultaba provocativo e naif a partes iguais.

Saio da exposición contenta e un chisco melancólica, soa Nirvana como colofón, 1993 foi un bo ano.

  • Beatriz Alfonso. Xurista, iogui en grao de tentativa e lectora apaixoada.

ÚLTIMAS

“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

O último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o...

A comunidade Bravú prepara dúas citas da Gran Noite Coruñenta

O 31 de outubro do ano 1994, reuníronse en Viana, unha aldea de Chantada,...

Catro Bibliotecas da Coruña estrean o servizo de préstamo de xogos de mesa

Mentres esperan por ese proceso fallido de unificación nunha Rede Municipal, as Bibliotecas da...

Novas voaduras en Vío este martes para o acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña

As obras do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira alcanzan esta semana...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here