InicioOPINIÓNDicionario Antroideiro (I): Momento Coruñento

Dicionario Antroideiro (I): Momento Coruñento

Publicada o

Por Xurxo Souto

Momento coruñento… Xa quere cheirar a Carnaval, señora, a festa das festas desta cidade. Como cada ano teño por costume, en beneficio das novas xeracións choqueiras, e citándome a min mesmo, velaí vai a primeira entrega do dicionario antroideiro coruñés. Vademecum imprescindible para todos os que queiran honrar na rúa a revolución do Santo Antroido.

RICARDIÑO: Así denominaban o seu moneco do Antroido as veciñas e veciños de Castro de Elviña. Na fin da festa queimábano ou guindábano pola Ponte Pasaxe abaixo acompañado deste responso:
Este pobre Ricardiño
Viviu na aldea do Souto.
Deixou á muller viúda
Para que fose con outro.

MAZARICOS: Famoso antroideiro do primeiro terzo do século XX. Chamábase Emilio Golpe, vivía na Cordelaría e era, de oficio, pintor. Ademais de polos “ferretes” acadou gran sona polo seu “museo” doméstico. Nel exhibía “As gafas de Alfonso XIII”, ou as botas coas que o Marsical Soult pisou pola Coruña adiante. Educado e sempre atento, Mazaricos convidaba os visitantes a unha copiña de viño –iso si- reforzada con “acibar”, laxante rápido, que provocaba, de certo,urxentes desaparicións.

FERRETE: Cántiga de carnaval que debe ser tan aguda como o seu nome. Apoteose necesaria por tradición do apropósito, xénero teatral que, entre outros excelsos talentos, fixo grande Nito. Velaí un ferrete da autoría do ex-marqués de Pibela y brazos cortos do tempo da República:
Houbo algunha señorita
Que lle dixo á súa criada:
Ou votas polas dereitas
Ou quedas desempregada.

ANTROIDO: Preferimos esta forma a “Entroido”, pois estas non che son datas abofé para moitas normativas. Aínda que hoxe o costume está en desuso, o Antroido por excelencia era o moneco –xeralmente de xenitais ben dotados- que presidía esta festa. E a maior antroidada era metelo ás agachadas na casa dalgún veciño. Un ano o doutor Hervada foi chamado ás presas para atender unha urxencia. Cando chegou, no sitio do enfermo, atopou a un “antroido” metidiño no leito. Examinouno con calma e estendeu a receita. Os da casa foron á farmacia por seguir a brincadeira. Resultou ser o medicamento máis caro do mercado. Auténtica antroidada de efecto retardado.

Até aquí esta primeira entrega do dicionario. Dentro dunha semana máis.
Xa quere cheirar a Antroido, señora… Este si que vai ser, señora, un gran momento coruñento.

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

ÚLTIMAS

O centro da Coruña, totalmente limpo, mentres que Os Rosales-Labañou a recollida é do 5%

O lixo acumulado nas rúas da Coruña diminúe nunha nova xornada con colectores incendiados en...

Xa temos cartel do Festival Noroeste 2024

Este venres preséntase o programa completo da 37ª edición do Festival Noroeste. Como sempre,...

Así está a porcentaxe de limpeza do teu barrio

A Comisión de Seguimiento da emerxencia sanitaria composta fixo onte balance estado actual da...

A empresa Valoriza xa comeza a realizar a recollida do lixo

O Concello contrataba na tarde de onte á empresa Valoriza a recollida de lixo...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here