InicioOPINIÓNEntroido fazouro e os saberes da infamia

Entroido fazouro e os saberes da infamia

Publicada o

Por Xan Xove

A miña bisavoa, Ramona, das Grañas, Mañón, sempre tiña nos beizos no tempo invernal este dito: “Entroido fazouro cando has de vir? Tixoliña moura, cando has de ruxir?”. Levo ese refrán chantado nos miolos. O adxectivo “fazouro” sempre me impactou. É un adxectivo superlativo, antigo e redondo. Sobre a “tixoliña moura” sempre tiven dúbidas. Pode ser un chamado aos excesos destes días previos á coresma, pero tamén —eu quero pensalo así— unha metáfora da primavera que se albisca, ruxindo no lume. Prefiro ver esa “tixola moura ruxindo” como un redondo sol nacente e o verbo ruxir relacionado co medrar dos días, roxeando co aumento da luz e a chegada da primavera.

Ramona en Viveiro, finais dos anos 80
Ramona en Viveiro, finais dos anos 80

Ramona, a quen pouco coñecín, cantábanos cantigas que non lembro e meu irmán Andrés sempre lle facía a mesma trasnada cando a visitabamos na casa da miña avoa de Viveiro. Abríalle lixeiramente a billa da auga que facía un lene asubío, fiii, e ela dicía “Aí vén a leiteira”, cousa que nos facía escachar da risa. Un día tanto viu a leiteira que se alarmou enormemente. Miña bisavoa era do tempo antigo. Non entendía ben os cartos, dábaos a vulto, e vivía rodeada de gatos nunha casa de pedra pequena, humilde, cunha lareira, un sobrado cun leito á vista e pouco máis. Sen luz nin auga corrente. Todo o que a rodea, aínda a día de hoxe, ten un certo misterio e algo de tabú.

Por veces, miña bisavoa, normalmente falangueira e divertida, mudaba o aceno e lamentábase de non saber. Pero “saber” non quería dicir ler, sumar ou escribir. “Saber” quería dicir algo moito máis terrible. Porque á miña bisavoa nos albores do golpe fascista roubáronlle dous fillos, seguramente por ser muller, solteira, independente e brava. Un roubo infame que se cadra ten que ver tamén coa hipótese de que o pai daquelas crianzas era un fuxido de moita sona naquel tempo, que estivera preso incluso no vello cárcere do Parrote da Coruña. Pero quen sabe?

Saber. Aquel fillo e aquela filla, de diferentes idades, foron arrincadas de xunto da súa nai e posteriormente unha transacción comercial entre boas familias e as monxas da inclusa da Coruña. Non sen antes ter dado fe legal de que ambas morreran, o mesmo día da súa chegada á inclusa, por “debilidad congénita”. Que casualidade: ese mesmo día un neno e unha nena da mesma idade, sen orixe coñecida, eran entregadas en adopción. O horror e a infamia legalizada, limpa, certificada e bendicida. 

Saber deles. Como promesa. Todo isto averiguouno miña nai durante unha investigación tan caseira como teimuda que levou a cabo xa dende os anos 90 do século pasado. [Nota só apta para boomers: chegou a escribir a Paco Lobatón]. Ao caso: atopounos. A filla fora para Cerceda e o fillo, casualidades da vida, acabou sendo veciño noso na Agra do Orzán. Tiña unha tenda de roupa da rúa Barcelona. Nunca con el falamos, só unha única vez miña nai atreveuse a entrar e dirixirse ao que había de ser seu curmán. A nai del intercedeu de xeito impetuoso na conversa: non había nada que escoitar. É comprensible: por veces saber doe, hai que evitalo. Á miña nai non lle importou, en realidade xa tiña máis que cumprida a súa promesa de se interesar polos filliños de Ramona, seu tío e súa tía. 

Ela xa tiña a súa verdade e con ela a súa cura. Xa sabía. “Saber” como solaz da alma. “Saber” como peche dun círculo vital. Unha historia terrible, como tantas outras que foron caladas na infamia daquel golpe fascista e a posterior represión que, en certo modo, aínda está máis ca viva. Só hai que ver as resistencias de certa parte da sociedade ante as demandas de busca de vítimas ou exhumacións de restos para recibir o alivio dese saber. Saber que foi desa xente. A memoria como acougo da alma.

Veume esta crúa historia familiar á cabeza o outro día na presentación dun traballo fotográfico sobre as mártires de Sofán que a miña querida amiga Verónica Ramilo inaugurou en Carballo, no estudio Garabato, na que tamén comentabamos con outras persoas que se estaban a levar a cabo exhumacións de catro represaliados en Bértoa por parte da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). Vaia a miña admiración sempre para este fundamental colectivo, así como tamén para a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e o seu traballo na nosa cidade. O recordo e a reparación da infamia, pero tamén a grandeza das pequenas historias. A dignidade descuberta, limpa da negra terra das cunetas, á luz de novo. O saber.

Un saber fazouro como unha tixola moura ruxindo.

  • Xan Xove, candidato pola Marea Atlántica ás eleccións municipais.

ÚLTIMAS

Nova protesta das mariscadoras da ría do Burgo para pedir solucións mentres non poidan faenar

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo secundaron este venres unha nova concentración, ante...

Atopan mortas en menos de media hora a dúas persoas de idade avanzada na Coruña

Dúas persoas de idade avanzada foron localizadas mortas nos seus domicilios en menos de...

A XXIX Carreira Alternativa fomenta este domingo a inclusión con máis de 1000 participantes

A Coruña acollerá este domingo, 28 de abril, a edición número 29 da Carreira...

Publicado un catálogo antolóxico do pintor Cheché Martín, xogador de equipos como o Deportivo e o Barcelona

O Concello da Coruña acolleu este xoves a presentación dun catálogo antolóxico do pintor...

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here