InicioOPINIÓNA sombra do convenio urbanístico de 1984 planea sobre o común

A sombra do convenio urbanístico de 1984 planea sobre o común

Publicada o

Por Ricardo Vales

Un repaso ao convenio asinado polo goberno municipal presidido por Francisco Vázquez o 30 de xuño de 1984 co Ministerio de Defensa descobre un mapa de espazos públicos que permitiron ó INVIED (Instituto de Vivenda, Infraestructura e Equipamento da Defensa) ingresar 8.000 millóns das antigas pesetas, uns 48 millóns de euros de hoxe.

Cabe reseñar que aquel texto fora recibido de xeito moi negativo polos sectores máis activos e entusiastas na recuperación do patrimonio público, mais fora considerado como un acerto por parte de quenes só contemplaban o común como fonte inasgotábel de obtención de plusvalías, que non desperdiciaron o forte predicamento mediático de que dispuñan para xustificar a validez do texto. I é que mentres Vázquez ostentou o bastón de mando municipal, acaparou todo o poder na súa persoa; súa vontade equivalía a algo así como á propia  soberanía coruñesa. Pois ben, este exercicio de retrotraernos a aquela etapa da cidade permítenos medir agora con maior perspectiva a magnitude dun convenio que  as coruñesas e coruñeses non terminan de dixerir e cuxas derivacións en forma de perda de espazos públicos aínda hoxe seguen a repetirse coa mesma determinación.

O caso é que a historia daquela etapa, que avanza con non poucos atrancos, ten unha liña roxa que a atravesa con implacábel repetición: o convenio de 30 de xuño de 1984. Un texto ao que os sucesivos gobernos municipales apelan para obstaculizar calquera vía que permita recuperar  terrenos públicos en desuso. Un dos principales protagonistas desa historia son os terreos do Campo da Estrada-Maestranza, que o INVIED sacou a poxa o 24 de febreiro de 2016. Integrados por tres parcelas que suman 5.316 metros cadrados, cunha superficie edificábel de 29.262 metros cadrados e que posibilitarían a construcción de 300 vivendas. Unha  operación que, según cálculos do momento, permitirían ao departamento ministerial de Defensa ingresar en torno aos 24,8 millóns de euros. Non hai que esquecer que son terreos que albergan os restos arqueolóxicos das murallas da cidade e que, polo tanto, reúnen un importante valor patrimonial: o sistema defensivo medieval (lenzo da muralla medieval e o Campo da Estrada) e o sistema defensivo barroco (lenzos e fosas, explanadas e baluartes da muralla barroca) definidos como BIC (Ben de Interese Cultural) no Catálogo do Plan Especial de Reforma Interior da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI),  e, polo tanto, sometidos a tarefas de conservación, mantemento e restauración. Calquera intervención neses terreos require a preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e do propio Concello. A reclamación deses terreos non é un feito novedoso xa que ten longas raíces e constitúen unha constante histórica na vida da cidade. Así, en 1840, o goberno municipal de entón solicitaba a devolución baixo o pretexto de que “no pueden pertenecer a la nación, pues son de este pueblo”, tese na que incidía o 10 de novembro de 1858 o propio Concello através dunha reverente exposición á raíña Isabel II “suplicándole se digne concederle a este Ayuntamiento la propiedad que le pertenece del terreno que ocupaba la fortificación demolida entre la ciudad alta y la baja de la población”.

Pintada reivindicativa na Coruña que reclama zonas verdes e non a construción de novos edificios / R.V.
Comenzou entón un longo percorrido protagonizado fundamentalmente pola plataforma cívica Comisión Aberta en Defensa do Común que, xunto coa Asociación Veciñal da Cidade Vella, despregan a súa mellor capacidade de convicción para denunciar  o feito de que a cidade está en venda e que o Ministerio de Defensa compórtase na cidade  como unha inmobiliaria dedicada á especulación, función allea á tarefa que lle asigna a propia Constitución, mais exercendo, a súa vez,  o papel de auténticos propagandistas do significado que tería para a cidade a perda de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia da historia da Coruña. Atrás quedan as vendas de recintos militares como os de Zalaeta ou Santo Amaro, así como o vello Hospital Militar (hoxe o Abente e Lago), polo que o ministerio ingresou 1.100 millóns das antigas pesetas, actitude que contrasta coa cesión gratuita dos terreos e instalacións da Ciutadella, do Monte e Castelo de Montjuich á cidade de Barcelona, así como recintos militares cedidos ao Ministerio de Cultura que, posteriormente, foron entregados ó concello de Alcalá de Henares. Para evitar esa condena a morte toma corpo un amplo movemento de sensibilización cidadá e institucional que arranca cunha asemblea cívica celebrada o 22 de febreiro de 2017, no salón de plenos municipal, presidida polo entón alcalde Xulio Ferreiro, e na que participaron 120 personas en representación de 60 entidades que conforman unha parte nada desdeñábel do tecido asociativo plural e dinámico coruñés e na que tamén estiveron presentes os portavoces dos grupos municipais. Unha sesión que actuou como espoleta para a gran manifestación do 7 de maio de 2017, que baixo o lema da Coruña Non Se Vende, logrou reunir a preto de 5000 persoas. Unha consulta cidadá desenvolvida entre a veciñanza da Cidade Vella, celebrada os días 18 e 19 de maio de 2018, arroxa un resultado clarificador: sobre un total de 449 participantes, 436 optaron pola alternativa da devolución gratuita para diverso equipamento público, mentres 12 inclináronse pola opción da venda dos terreos na liña fixada polo INVIED, contabilizándose un voto nulo. Todo ese capítulo de actividades logrou paralizar a poxa, mais non evitou que o INVIED procedera a facer efectiva a enaxenación dos solares favorecido pola pasividade e indiferencia do entón goberno municipal da Marea Atlántica e o actual do PSOE ignorando os acordos plenarios do 7 de marzo e 14 de abril de 2016, do 11 de xuño de 2018, do 14 de xaneiro e 7 de novembro de 2019, que instaban a aplicar os instrumentos de planeamento precisos para delimitar e protexer o sistema defensivo da Cidade Vella. Chegados aquí, a principal recriminación que se pode facer ó goberno da Marea Atlántica é que, habendo chegado cunha autoridade política e moral dende a etapa da primeira corporación democrática, fora incapaz de executar as modificacións correspondentes da ordenación urbanística para evitar as veleidades especulativas que se proxectaban sobre os terreos, optando polo acomodo que conduxo a que toda a demanda de reivindicación gratuita das parcelas non avanzara.
As catas arqueolóxicas posteriores confirman o que xa se sabía, isto é, a aparición de vestixios das estructuras defensivas através de murallas medievales e baluartes, elementos patrimoniales de gran valor, principalmente no solar situado ao norte da Avenida do Metrosidero. Pois, a pesar das evidencias, o INVIED vende os terreos á promotora vasca Lipromo, coñecendo ambos os informes que acreditan a existencia de estructuras do sistema defensivo da Cidade Vella porque figuran na documentación relacionada co proceso de licitación e adxudicación das parcelas, mais que, porén, omítese conscentemente no Estudo de Detalle da parcela 2 do Plan Especial de Reforma Interior (PERI), documento que foi obxeto das preceptivas alegacións dirixidas en agosto do 2022 tanto ó Concello como á Dirección Xeral de Patrimonio solicitando a non aprobación definitiva do devandito Estudo de Detalle, sin que  até o momento houbera resposta a tal solicitude. Que poida consumarse no futuro a edificación de vivendas enriba de terrenos catalogados como BIC é algo que non pode aceptarse nunha democracia porque son situacións difíciles de comprender racionalmente ao existir unha Dirección Xeral do Patrimonio, na práctica, encargada de velar pola protección do patrimonio e porque, en definitiva, son como unha aberración e un mal sono. Pasaron 39 anos daquel 1984 é o Ministerio de Defensa segue a facer caixa co patrimonio da cidade. Vivir para ver.
Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación dio Club de Opinión Foro Cívico e da Plataforma Cívica Defensa do Común

ÚLTIMAS

Olladas doutro tempo: Santa Lucía

A escalinata de Santa Lucía sube dende a avenida de Fernández Latorre ata a...

O proxecto “Aquí tamén se fala” leva un dos Premio Rosalía de Castro de Lingua

A escritora, sociolingüista, política e profesora Pilar García Negro; o movemento de renovación pedagóxica...

“La Flor de Jamón” xa ten o seu documental

Dende o ano 1962 “La Flor del Jamón” é unha das jamonerías máis miticas...

Mariscadores da ría do Burgo demandan a prórroga de axudas tras o dragado

Mariscadores da ría do Burgo protagonizaron este venres unha nova protesta para demandar a...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here