InicioA CORUÑAOlladas doutro tempo: San Andrés con Santa Catalina

Olladas doutro tempo: San Andrés con Santa Catalina

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

A rúa de San Andrés é unha das arterias principais do barrio da Pescadería. Toma o seu nome da capela e hospital de San Andrés, propiedade do gremio dos mareantes. Este colectivo era o máis importante e numeroso da cidade, e asentábase neste barrio mariñeiro en relacion directa co porto, o verdadeiro motor económico da nosa cidade durante case toda a súa existencia. Este arrabal que nace na idade media extramuros da vila, vai espallándose polo itsmo de area ó longo de dúas liñas: a rúa Real – Cantóns pola beira do mar, e San Andrés polo interior; converténdose ésta na rúa máis longa da urbe durante moito tempo.

Pero cunha vila asentada nun sainte marítimo rochoso e o seu arrabal sobre area de praia, un dos  maiores problemas da Coruña, ó medrar a poboación, é o abastecemento de auga. Dende o século XVI existía un pequeno acueducto que traía auga dende Nelle e Vioño, pero co paso do tempo tornaríase insuficiente. Así que no século XVIII proxéctase unha grande obra de enxeñería para abastecer de auga á cidade cun novo acueducto dende San Pedro de Visma, e dúas novas fontes ornamentais: a fonte da Fama, hoxe en día situada na praza da fonte de San Andrés, e a fonte de Neptuno, que vemos na fotografía, na praza de Santa Catalina. As esculturas de ambas fontes foron labradas polo artista compostelán Antonio de Pernas entre 1792 e 1794.

A vida cotiá xiraba en torno ás fontes, cun colectivo fortemente ligado a elas: as augadoras. Estes personaxes, na súa grande maioría mulleres, aparecen na vida da cidade no século XVI e cumprirían coa súa importante labor ata ben entrado o século XX.  O seu traballo requería dunha grande forza física, carrexando a auga en sellas de madeira da fonte ás casas que as contrataban, e volta á fonte outra vez con présa para facer máis servicios e poder gañar máis cartos. E mentres tocaba esperar na cola, como vemos na imaxe, encargábanse de difundir moita información, xa fosen noticias, novidades, ofertas de traballo, peticións de axuda… pois pasábanse o día visitando casas e falando con xente por toda a cidade, establecendo redes sociais.

Valentín Mendía conxelou no tempo este intre do ano 1883, captando no só o ambiente arredor da fonte, senón sobre todo, a beleza modesta deste tramo final da rúa, irregular e salpicada de galerías. Vemos unha liña de edificacións moi heteroxénea, cun grande contraste de calidades. Vivendas moi humildes, pequenas e estreitas, xunto a edificios de maior tamaño e elegancia, como o da dereita da imaxe, o único que sobrevive na actualidade. As fotografías de Mendía teñen un enorme traballo de preparación, buscando o ángulo e o momento perfecto. A vistosa diagonal que debuxa a rúa semella estar marcando a diferencia entre o ambiente da fonte á sombra, nun segundo plano, e a arquitectura da cidade, destacada pola luz como protagonista.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

O último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o...

A comunidade Bravú prepara dúas citas da Gran Noite Coruñenta

O 31 de outubro do ano 1994, reuníronse en Viana, unha aldea de Chantada,...

Catro Bibliotecas da Coruña estrean o servizo de préstamo de xogos de mesa

Mentres esperan por ese proceso fallido de unificación nunha Rede Municipal, as Bibliotecas da...

Novas voaduras en Vío este martes para o acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña

As obras do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira alcanzan esta semana...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here