InicioBARRIOSO retorno dos Homes Mariños

O retorno dos Homes Mariños

Publicada o

Por Xurxo Souto

A Coruña é a cidade das lendas. Os máis grandes mitos do mar quedaron varados para sempre nesta ribeira. Atalaia de Breogán. Hercules e Xerión, fin do mundo para a tradición clásica. Porta do Alén, co noso Amaro navegante na procura da Illa do Paraíso.

Pero aínda hai máis (e non o sabemos). No patrimonio lendario contamos cuns seres mitolóxicos únicos e exclusivos, pois só aparecen documentados nunha cita que os sitúa nesta auga. Estou a falar dos “homes mariños”.

MAPA O RETORNO DOS HOMES MARIÑOS na Coruna-Xurxo Souto
Mapa feito por Xurxo Souto

Velaí a crónica, vertida ao galego, do cardeal Jerónimo del Hoyo, que no século XVII visitou A Coruña e coñeceu os mariñeiros da Pescaría:

“Ás veces téñense visto nesta praia algúns peixes da mesma figura que homes e en todo se lle parecen, fóra que teñen mans e pés un pouco tortos por razón de andar sempre nadando como as rás.
Nas cabezas, peitos e costas teñen unhas espiñas negras e moi delgadas, que mesmo parecen pelos.
Din os mareantes que son presaxio de grandísima pesca e amigos da xente humana, e que lles dan pan.
Falando eu cun mariñeiro honrado dixo que indo cun amigo seu polo porto nun batel saíulle a el un destes peixes. E sacando medio corpo e os brazos da auga agarrouse ao barco e fixo como quen que entraba dentro. E como o mariñeiro comezou a se alborotar e aflixir, o peixe, como se tivese entendemento, soltouse do barco e volveu á auga.
Outros dixéronme que vindo outra vez por dito porto nos seus barcos viron estar un destes peixes virado cara arriba, que tal parecía un home afogado. Achegáronse, para o traer enterrar e o peixe, cando os sentiu perto, afundiuse nas augas.
 A estes peixes por semellárense tanto aos homes, chámanlles homes mariños” (1)

Lembro ben o arrepío que sentín, hai xa cinco lustros, cando lin por primeira vez esta cita de Jerónimo del Hoyo. Tanta foi a emoción que tiven a necesidade de escribir unha novela: “O retorno dos homes mariños”.

A descuberta destes seres tan coruñeses e tan profundamente descoñecidos foi símbolo para expresar unha inquedanza común de moitas persoas da miña xeración: Somos a rapazada dos barrios. As nosas familias chegaron dende as aldeas para traballar na beira do océano. Pero a nós nunca ninguén nos falou da aldea, nunca ninguén nos falou do mar.

Dende entón tentei ir coñecendo aos poucos esta ribeira, nomes invisibles para os terrícolas: Gueivouteiro, Xogadoiro, Touciños, Xanrei, Zambela, Cornadilla, San Coral… Quizá, agora que sei como se chaman, nalgunha desas pedras chegue a albiscar algún día os “homes mariños”.

Polo de agora, este sábado ás 19:00h camiñaremos polo centro mesmo da cidade, entre San Andrés (padroeiro do gremio de mareantes) e a rúa Real, na procura desa Coruña salgada.

Lembra, este barrio chámase Pescaría, un nome case invisíbel na nosa memoria terrícola.

Se che presta, apúntate en tal mergullo. Saímos ás 19:00h do palco da música.

Voltan “os homes mariños”, ti non quedes varado en seco.

  • 1. Jerónimo del Hoyo, Memorias del Arzobispado de Santiago. Edición de Ángel Rodríguez González e Benito Varela Jácome. Porto y Cía. Editores. Santiago de Compostela.

 

Xurxo Souto coa bughina

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

ÚLTIMAS

“Hai moito galegofalante encuberto na cidade”

O último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o...

A comunidade Bravú prepara dúas citas da Gran Noite Coruñenta

O 31 de outubro do ano 1994, reuníronse en Viana, unha aldea de Chantada,...

Catro Bibliotecas da Coruña estrean o servizo de préstamo de xogos de mesa

Mentres esperan por ese proceso fallido de unificación nunha Rede Municipal, as Bibliotecas da...

Novas voaduras en Vío este martes para o acceso ferroviario ao porto exterior da Coruña

As obras do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira alcanzan esta semana...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here