InicioOPINIÓNUnha afrenta ao corazón do patrimonio da humanidade

Unha afrenta ao corazón do patrimonio da humanidade

Publicada o

Por Ricardo Vales

O estado deprimente do vello cárcere, un dos máis sinistros símbolos do franquismo, representa para os coruñeses unha aberración difícil de comprender racionalmente. Situado nuns terreos adquiridos polo concello por 19.000 pesetas, foron cedidos ao goberno central en 1925, coincidindo coa ditadura de Primo de Rivera. Inaugurado en 1927, ocupa unha parcela de 12.792 metros cadrados, cunha superficie construida de 7.178 metros cadrados. O inmóbel está catalogado no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co nivel 2, isto é, con carácter de protección estrutural, e a mesma delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) seleccionabao con motivo dos extensos programas dedicados á celebración do Día da Arquitectura o 3 de outubro de 2011.

Os turistas chegados dos máis diversos lugares poñen os ollos en branco cando algún paseante voluntarioso lles pon en evidencia como unha contorna, case sagrada, coa Torre de Hércules de gran protagonista, teña que convivir co que algúns denominan como un “mal sono”. Como asumir que unha paisaxe privilexiada poida estar ferida por esa descomunal afrenta ao orgullo dos coruñeses? Son aberracións que non caben na imaxinación. De aí que Proxecto Cárcere, Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Defensa do Común conxuráranse para propiciar un amplo movemento cidadán coa fixación duns obxetivos destinados a converter en realidade a suma de aspiracións cidadáns que non son outras que a recuperación do inmóbel para o patrimonio público.

Carcere Vello Coruna pancarta

A este respecto, cabe reseñar que o 24 de outubro de 2013 o goberno municipal do PP trasladaba ao goberno central, tamén en mans do PP, a apertura dun expedente relativo á recuperación do vello cárcere, sen custe algún para a facenda municipal, baixo o pretexto de que trátase dunha parcela adquirida no seu día polo concello co único fin de cedela ao Estado para a construcción do devandito inmóbel. En román paladino, en caso de que cesara a actividade para a cal fora destinada, como asi ocurreu, o inmóbel debería ser revertido ao concello, circunstancia que na práctica deixaba sen efecto o convenio asinado en 2005 polo entón goberno municipal do PSOE coa Sociedade de Infraestructuras e Equipamentos Penitenciarios e Seguridade do Estado (SIEPSE) consistente en abonar ao departamento ministerial un total de 1,12 millóns de euros, ademais de ceder unha parcela de 9.000 metros cadrados para a construcción do Centro de Reinserción Social, ubicado ao carón do propio vello cárcere. O propio Parlamento de Galicia, a través dunha proposición non de lei aprobada por unanimidade o 3 de xuño de 2014, instaba a desenvolver as accións preceptivas cerca do Minsterio do Interior para a cesión gratuita do vello cárcere.

Cunha desafortunada xustificación ou sen ela, o caso é que as polémicas xurdidas en torno ó vetusto inmóbel axitou os ánimos do denominado movemento asociativo plural e dinámico coruñés, advertindo mesmo sobre os riscos de que o faro romano perda a condición de Patrimonio da Humanidade, tal como deslizou o Icomos, organismo dependente orgánicamente da propia Unesco para asuntos relacionados coa protección do patrimonio histórico-cultural, nunha misiva remitida ao propio concello coruñés e sen reacción algunha pola súa parte. A actual campaña eleitoral servirá para tomar o pulso ao grado de compromiso das diferentes organizacións políticas que compiten por entrar no Pazo de María Pita, cuestión que aínda a risco de comportar un mero electoralismo servirá para coñecer feitos e razóns que moitas veces quedan no caixón. En definitiva, a reacción unánime de moi diversos sectores sociais para a recuperación gratuita do vello cárcere será determinante para rescatar esa parcela e, a súa vez, o rexurdimento urbano dunha contorna que condiciona a identidade coruñesa en todo seu esplendor, un ponto máxico convertido en mensaxe de atración.

Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica defensa do Común.

ÚLTIMAS

O conflito laboral en Jardincelas volve ás rúas de Cambre e Culleredo

Parecía, aló por febreiro, que o conflito laboral en Jardincelas ía camiño de solucionarse....

Un tren da liña A Coruña e Vigo sofre un conato de incendio que provoca un atraso de 40 minutos

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Alcaldes socialistas acusan á Xunta de “afogar” aos municipios: “A factura das competencias impropias ascende a 600 millóns ao ano”

O consello de alcaldes socialistas da provincia da Coruña acusou á Xunta de "afogar" ás economías...

A veciñanza pide rescatar a liña de bus 10 para o barrio da Sagrada Familia

A política urbanística municipal leva anos apostando por unha humanización das nosas rúas, pola...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here