InicioA CORUÑAXan Xove: "Nós é nas rúas onde nos vimos arriba, no cara...

Xan Xove: “Nós é nas rúas onde nos vimos arriba, no cara a cara coa xente”

Publicada o

Por Xurxo Salgado
Fixemos entrevista rápida a Xan Xove. Collemolo camiñando pola rúa de camiño a un mitin. “Decidín facer a campaña a pé, en bus ou en bicicleta”, di. E chegar di que chega a todos os recunchos da cidade para lembrar que a Marea Atlántica está máis viva que nunca e coa mesma ilusión que cando comezou e conseguiu cambiar o espírito da cidade. Evita as preguntas incómodas sobre Podemos e Isabel Faraldo, que rompeu o grupo da Marea, e insiste en ser positivo. Deixa entrever que non hai problema en pactar con Inés Rey porque xa acordaron cousas esta lexislatura, aínda que critica que deixar de lado moitos proxectos da Marea.
Logo de catro anos gobernando e outros catro na oposición, ves que a xente na Coruña teña ganas de Marea?
Moitisima. A campaña é fundamental. Levamos catro anos en campaña. A xente coñece as nosas medidas e proxectos e que a Marea Atlántica foi a que deu a volta ao taboleiro político, a cuestionar os convenios portuarios, a retirar o viaducto de Nelle ou a poñer en marcha a renda social municipal. E aí está o noso traballo. E por iso a xente quere Marea. E vese iso moito na rúa.
E notas que a xente bote en falla a Xulio?
Que va!. Xulio está na lista, está implicado. Pecha a lista. É un mareante máis, un compañeiro moi importante. Agora ten responsabilidades como decano da Facultade de Dereito pero está moi implicado e acompandonos en moitos actos e o enorme cariño que lle teñén os e as coruñesas reforza a idea de que foi o mellor alcalde que tivo esta cidade, con permiso, quizais, de Domingos Merino.
E como pensas convencer a eses coruñeses que hai oitos anos vos deron a alternativa e que hai catro deixaron de confiar en vós?
Nós queremos convencer a esa gran bolsa de coruñeses indecisos, e as enquisas estannos dando un gran crecemento nos últimos días, lembrandolles que A Coruña non se entende sen a Marea Atlántica porque logrou abrir camiño e cuestionar e poñer enriba da mesa os grandes temas da cidade da Coruña. E, ademais é unha organización da Coruña, nacida por e para os cidadáns da Coruña.  Non temos ataduras e non somos unha franquicia, nin unha delegación. E isto é moi importante que se teña en conta que isto son eleccións municipais e é erróneo entender isto como simulacro de eleccións xerais ou galegas. Temos que falar dos problemas de aquí; vivenda, transporte, residuos, peiraos interiores. Eses son os temas dos que hai que falar.
Cando falas de sucursais venme á cabeza partidos que ata hai nada formaban parte da Marea, como Podemos ou Esquerda Unida, que agora decidiron ir por libre con Sande, que foi concelleiro con Xulio Ferreiro?
Esa pregunta hai que facerlla a Isabel Faraldo que no 2020 abandonou o grupo, colleu a acta e decidiu separarse da Marea Atlántica. En todo caso, nós centramonos na Coruña. E o debate ten que ser sobre o futuro desta cidade. E a Marea Atlántica é quen ten resposta a todos os grandes retos desta cidade.
Falas de Isabel Faraldo e todo o que provocou o que fixo, pero esta mesma semana ía estar Jorge Suárez no mitin central e ao final non foi. Que pasou aí?
Jorge Suárez si que estivo. De feito colleu o tren en Ferrol para reclamar algo que é fundamental, a conexión ártabra e a conexión con tren coa Coruña. E aí o recibimos na estación de tren porque cando se trata de reivindicar cousas positivas para A Coruña e a área metropolitana non nos doen prendas de participar con todos os movementos sociais e organizacións. E así o demostramos ao longo da nosa historia participando con outras organizacións afíns.
Sonche máis directo. Sabes que houbo chamadas e presións para que Jorge Suárez non estivase nese mitin co resto dos alcaldes do cambio. Por que?
Pois el trasladou problemas de axenda para non asitir, pero o día antes si estivo, insisto, na estación do tren. Eu creo que o importante é falar dos temas que lles interesa á cidadanía. Se prefires podemos falar de vivenda….
Pois veña, imos falar de vivenda porque tamén quero falar dos problemas dos e das coruñesas, pero entende que che pregunte por estas cuestións porque Podemos e Eu formaban parte da Marea e agora non están e chama a atención que o día despois dese toque de atención a Jorge Suárez veña Yolanda Díaz a pasear á Coruña co candidato de Podemos
A min o que me chama a atención é que uns amigos meus, Vero e Miguel, por unhas obras tiveron que mudar de piso e pagar 700 euros de aluguer en Monte Alto durante cinco meses. Ou tamén Sara Peteiro, da Agra do Orzán, de 88 anos, e que diga que non pode saír da casa por non ter ascensor, ou que unha de catro edificios na Coruña non teñan ascensor.
E que propostas ten a Marea para cambiar isto?
Pois en vivenda numerosas propostas que xa puxemos enriba da mesa ao grupo de goberno nun plan construtivo. De feito nos orzamentos de 2022 aprobamos un plan de 22 millóns de euros que Inés Rey non cumpriu. A Marea Atlántica ten diferentes vías nisto, entre elas, regular xa as vivendas turísticas porque hai o doble de vivendas turísticas desde que Inés Rey é alcaldesa e aumentou o prezo da vivenda un 25%. Tamén impulsar a vivenda pública, como as parcelas de Suxán e mobilizar as vivendas baleiras co Plan Revive e isto hai que facelo en colaboración cos propietarios porque moitas vivendas carecen de ascensor e hai que axudalos nos proxectos de rehabilitación. Ademais está a bolsa de alugueiros creada por Xulio Ferreiro e que hai que reformular.
Ademais da vivenda tamén é importante o emprego. Que propostas tedes vos para impulsar o emprego?
A Coruña é o principal motor económico de Galicia e temos numerosas oportunidades por diante. Hoxe mesmo estiven visitando o Porto e hai uns días o de Punta Langosteira. E alí hai unha economía moi importante asociado ao sector pesqueiro. Tamén no sector das ciencias da información e de datos, aí está a Cidade das Ciencias que foi un proxecto liderado por Xulio Ferreiro e Xulio Abalde. O 55% do emprego tecnolóxico de Galicia está na cidade da Coruña pero ten que ser aínda un sector máis potente. E, para iso, o concello ten que impulsar máis a sinerxia ente trodos os sectores. A eficiencia enerxética tamén é un nicho de emprego importante e, especialmente, as enerxías renovables.
Xan, dá a impresión, cando falas, de que nestes catro anos non se fixo nada na Coruña. Tes esa impresión?
Si, algunhas cousas se fixeron, pero foron claramente insuficientes e tamén decepcionantes porque non se abordaron os grandes retos da cidade. Tamén é certo que foron catro anos moi anómalos porque dous deses catro estiveron atravesados por unha pandemia global. Pero a Marea Atlántica apoiou nese momento ao Goberno local e puxemos en marcha propostas concretas como os bonos cultura ou a gratuidade das escolas infantís.
Falabas de enquisas e que remontabades nelas. En todo caso, todas coinciden en que non hai maiorías absolutas. Neste escenario valorades posibilidade de pactos?
Estamos totalmente entregadas en convencer aos indecisos e insistirlles na necesidade de que a Marea Atlántica goberne a cidade da Coruña porque non se abordaron os problemas básicos da cidade. Precisamos un goberno que teña moi claras as prioridades. No 2024 temos unha oportunidade de ouro que é a finalización do contrato da compañía Tranvías da Coruña e temos que aproveitar esa oportunidade para cambiar a mobilidade da Coruña e isto só se pode facer se a Marea Atlántica está no goberno. E xo fixamos porque coa Marea no goberno impulsouse o transporte público con redución de tarifas e tamén a mobilidade urbana con BiciCoruña que Inés Rey segue sen potenciar con problemas de paradas en moitos sitios, como no Chuac.
En todo caso, Inés Rey sempre se gaba do que supón BiciCoruña na cidade…
(Rí) Cando Inés Rey tenta apropiarse dos proxectos da Marea Atlántica, e o fai ben, nós non temos ningún problema porque nós o que queremos é que a cidade medre e non poñernos medallas por ser quen propoña isto ou aquilo. Pero quen diga que BiciCoruña non é un proxecto da Marea Atlántica está insultando á intelixencia da cidadanía porque cando a puxemos en marcha tivemos unha forte oposición dun sector a algo que nalquel momento era moi innovador. E agora Inés Rey probablemente consiga máis innovacións porque os proxectos que se fan nesta cidade son a longo termo e duran varias lexislaturas.
Aí vou cando digo que non habería problemas entón en pactar con Inés Rey xa que continúa algúns proxectos que vós impulsachedes…
E que de feito houbo numerosos acordos con Inés Rey nestes catro anos. Entre eles, a gratuidade das escolas infantís municipais, o mapa das enerxías renovables ou a posta en marcha dun operador municipal de enerxías renovabales.Pero logo, Inés Rey, no seu goberno en minoría, porque así o quixo ela de xeito unilateral no 2019, pois non foi quen de levar a cabo os proxectos herdados da Marea Atlántica. E que pasa entón?. Pois que volvemos a proxectos dos anos 90 xa que Inés Rey sacou da hucha o desenvolvemento inmobiliario de Fariña Ferreiro que son proxectos herdados desde entón cunha edificabilidade que xa non se axustan as normativas actuais. Ou a ampliación de Alfonso Molina que é un proxecto vello e erróneo porque o problema da mobilidade non se amaña facendo máis grande o embudo. E o mesmo pasa no eido cultural. Foron catro anos nefastos. Non hai concellería de Cultura o que é unha enorme anomalía. O único que se fixeron foi política de grandes eventos que non deixan nada. A Luis Seoane está nun estado lamentable. A Cornide estivo moito tempo sen director. O director de Viñetas do Atlántico acaba de anunciar que marcha por problemas de xestión.
Dis que ides crecendo día a día. Como ves a xente cando vas pola rúa, nos actos, nos mítines?
Pois moi receptiva porque son propostas que abordan os grandes problemas da Coruña. Recibimos moito cariño nas rúas. Nós é nas rúas onde nos vimos a riba, no cara a cara coa xente. O feedback é totalmente positivo porque a xente da Coruña sabe que foi a Marea Atlántica a que conseguiu abrir camiños nesta cidade e que A Coruña non é a mesma desde que aparecemos. De feito eu estou facendo a campaña andando, en bicicleta ou en autobús percorrendo os rincóns da Coruña.
E que agardas do día 28?
Pois espero sentidiño e xustiza. Que a xente vaia masivamente a votar. Que escoiten as propostas concretas e lean os programas integramente e vaina votar sen complexos.

ÚLTIMAS

Interceptan a un condutor que se deu á fuga en Culleredo tras chocar con tres coches

A Policía Local de Culleredo logrou dar co condutor que supostamente se deu á...

A AC Alexandre Bóveda afonda sobre a realidade Palestina

Non para a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, coa programación de marzo e abril absolutamente...

Conversa con RJ Junior, promotor do Go! Electronic Festival

A finais de verán temos na comarca veciña festival de música tecno. O 13 e 14...

Conclúe a V Semana do Cinema Galego cunha media de máis de 300 espectadores por xornada no Teatro Colón

A V edición da Semana do Cinema Galego, que se celebrou entre os días...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here