InicioA CORUÑASande: "Os votantes da Marea foron asumindo que a Marea deixou de...

Sande: “Os votantes da Marea foron asumindo que a Marea deixou de ser unha forza valente e de transformación”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Un café tranquilo na Parva, no Mercado de San Agustín, sérvelle para baixar algo as revolucións dunha campaña “exprés”, a pé de rúa. No seu necesario exercicio de dar a coñecer o proxecto e diferencialo doutras candidaturas ante o incrédulo electorado máis progresista da cidade, incide o seu papel de independente (“non son militante de Podemos”, reitera), como 12 dos 27 membros da lista de “Por Coruña”, a candidatura que forman Podemos, Esquerda Unida e Alianza Verde.

Fai fincapé na “diferencia de actitude” que leva Por Coruña (“novo e ascendente proxecto”) e Marea Atlántica (“en declive”), afonda na “feble oposición” realizada polo grupo “mareante” durante estes 4 anos, e considera “clave” os practicamente 100 días de campaña que leva dende o anuncio da candidatura aló por febreiro para dar a coñecer as singularidade do proxecto que lidera de cara a estas eleccións municipais do 28 de maio.

Repasamos con el a cronoloxía da separación da esquerda herculina e intentamos afondar nas diferencias programáticas entre as forzas progresistas.

 

  • Bueno, xa levas tempo na vida política, pero este salto á primeira liña colleunos por sorpresa a moitos. Como están sendo estes meses, e sobre todo estas últimas semanas de voráxine electoral?

Tremendo. Son unha persoa que se ilusiona fácil, de tomar a iniciativa, e sempre gusta interaccionar coa xente e explicar un proxecto coma o noso. Eu non son de proselitismos, intentar convencer á xente de cousas creo que é un erro da práctica política, porque a historia ten máis que ver coa valentía, a autencidade, a naturalidade, que con dar á chapa á xente, con ser evanxelizador.
É un reto maiúsculo porque era unha nova forza política, aínda que aglutine forzas políticas xa existentes e cun traballo consolidado; e tamén había unha parte de apertura ao movemento cidadá que é apaixoante. Eu veño dunha tradición máis extraparlamentaria, de centro social, activismo… e esa parte cidadá, inclusiva, é clave.

E ves como en moi pouco tempo pode xurdir esa chispa e esa transmisión de algo honesto e que realmente substitúe ás forzas progresistas que estaban na cidade, que dende o meu punto de vista estaban bastante adocenadas, apagadas, mornas… tras unha etapa dun goberno sen un proxecto pouco claro e coherente, e dunha oposición moi feble.

 

  • Moi importante entón a campaña para vós?

No noso caso, clave. Presentámonos comigo con cabeza de lista o 10 de febreiro, tendo a necesidade de desfacer os equívocos con esa outra candidatura, e d ceonsolidar un proxecto propio dunha maneira que quede claro que é unha historia que vai a máis e que veu para quedarse, que ten un poso sólido.

Tivemos varios elementos clave. Un é o equipo de traballo que se vai consolidando, un equipo sen esas toxicidades, enfrontamentos, eses cainismos aos que e tan proclive a política. E por outro lado o respaldo de xentes importante do especto político como Yolanda Díaz.
Fixemos unha campaña en clave local pero abertos ás posibilidades de interacción con outras forzas. Como non iamos aproveitar a lei de Vivenda, a onda de Sumar?

 

  • Unha persoa coma ti, acostumada a rodearte dunha elite cultural… como está sendo este percorrido barrio a barrio pola cidade?

Moi estimulante ese regreso. Certo que nunca me desconectei, que seguín tendo estes anos unha vida cultural activa, pero está sendo ilusionante volver a ter contacto directo. Eu xa tiña experiencia do Concello, e esa relación co tecido asociativo foi unha das cousas que máis me gustou entre as competencias que tiven no mandato de 2015 de festas, deportes e cultura. Cheguei a ter 15-16 reunións diarias con elas, e había unha relación moi intensa, e agora ao voltar moita xente xa me coñecía.

Eu prézome de coñecer ben a cidade, pero ves lugares nos que volves e ves casuísticas novas, como algunhas vivendas da Sareb que eu descoñecía…
Tamén serviume para decatarme da desatención considerable, sobre todo cara os barrios, neste mandato. Vimos que houbo moi pouca interacción, pouco mantemento na parte máis material nos barrios, poucos proxectos e moito cálculo electoralista. E creo que a xente toma nota desa decepción do tecido asociativo, o cal dá máis forza para activar esa área.

 

  • Indo xa ao foco que creo no que está inmerso todo o espectro de esquerdas da cidade… que sigo escoitando relatos de xente que non acaba de entender que pasou entre as esquerdas. Podes explicarlle a un votante progresista que pasou entre Marea e Podemos para esta dificilmente explicable ruptura?

Creo ter boa memoria e ser obxectivo, e creo que na política hai vir con autocrítica e sen autoengano.

Hai unha cronoloxía moi precisa:
O proceso da Marea Atlántica de 2014-2015 é un proceso ilusionante e ben planificado, pero no momento que se entra no goberno, digamos que parte da estrutura principal pasa estar na institución, e se acaba vendo entre 2018-2019 comezan a visibilizarse dous problemas claves: a dificultade de relacionarse con outras forzas políticas, tendo en conta que non todas as forzas políticas tiñan representación no pleno, no equipo de concelleiros do goberno da Marea (estaba EU, ANova, Equo, pero non estaba Podemos). En xeral, con todas as forzas políticas houbo dificultade de integración. Creo que foi un erro noso, consideránme eu como membro da Marea no período ata 2019, que eu non reescribo o meu pasado.

  • Cerrástesvos entón demasiado á parte cidadá separádonse da estrutura máis partidista?

Creo que a acción de goberno urxente era moi complicada, e os nexos que se estableceron co exterior non facilitaron as relacións. Tiñamos unha independiencia rabiosa que dificultou a propia relación cos partidos, provocando unha relación máis tirante que satisfactoria.

Isto agrávase co proceso de En Marea, proceso que eu vivín a distancia, a través de compañeiras que si se involucraron nun proceso que crea máis tensións políticas, por unha cuestión clara: as eleccións primarias, unha cousa que sempre se convirte nunha dificultade, nun obstáculo, ou nalgo que enfronta ás forzas políticas.

Cando vai rematando o mandato 2015-2019, hai un progresivo alonxamento das forzas políticas. Non se recoñeceu aí o proceso da campaña de 2015, esquecendo que o impulso de Podemos foi positivo para a campaña da Marea. Creo que niso, nun acto de certa soberbia, comezou a negarse. Aí, cando comezaba a haber unha doble vía, seguramente non enviamos ás mellores persoas para negociar. Seguramente non eran as persoas máis empáticas, máis flexibles. E iso foi determinante, porque a política é diálogo. Facía falta máis xenerosidade.
Creo que esa amalgama entre a parte cidadá e os partidos era perfectamente posible, pero un non pode pensar en 2018 que o que aconteceu en 2015 non existe, e reescribir ese pasado, e comezar un proceso de distanciamento de forzas, que leva o seu punto máis simbólico, en non pedir o voto tanto en bril e en novembro de 2019 para Unidas Podemos nas Eleccións Xerais, repetidas, nas que de feito nesa primeira e fallida primeira lexislatura chego a ser Senador independente.

Xa en 2019, eu xa non estaba na lista, tomouse a decisión de non formar goberno para ser determinante nas políticas. Unha decisión que nin se contemplou para sorpresa de moitos, tendo en conta que ademais había 6 concelleiras con experiencia de goberno, fronte a un goberno socialista que non tiña nin proxecto. De feito creo que se a Marea o propuxese o PSOE non se tería negado, entre outras cousas porque estaba condicionada unha investidura. Entón aí houbo dos puntos importantes: non entrar no goberno; e o alonxamento das forzas politicas.

  • Foi tan importante o papel que xogou a marcha de Isabel Faraldo aló por 2020?

Un ano antes, apenas días despois da investidura,  a edil de Esquerda Unida abandona a súa acta, o que non deixa en bo lugar a relación con EU. Unha cousa que non se destacou, e a propia discreción de EU ao final tivo efecto dun envalentonamento moi extraño por parte da Marea á hora de considerar unicamente como transfuguismo a saída da concelleira de Podemos Isabel Faraldo.
Pero parece importante todo ese previo, porque parecería que a concelleira de Podemos toma unha decisión saída da nada, pero hai un previo de enfrontamentos, de tensións e de distanciamento importantísimo.

Houbo tamén un punto de inflexión en 2020 cando un grupo de 35 de persoas militantes da Marea presentamos un escrito de apertura contra o aburguesamento do proxecto.

A falta de autocrítica, e ese tirar para adiante sen ter en conta os feitos, o que acrecenta a deriva da Marea, un proxecto de que pasa de gobernar a deixar de gobernar, vai perdendo enerxía, forza… Despois cando asina os orzamentos de 2020 e 2022 tamén van creando desazón na cidadanía crítica e os votantes da Marea asumen que a Marea deixa de ser unha forza valente e de transformación.

 

  • Confuso, en calquera caso, para os votantes, verte a ti, nº2 da primeira candidatura de Xulio Ferreiro, liderando unha lista, e a Xulio pechando outra…

Ten que ver con toda esta cronoloxía. Pero tamén creo que coa ruptura do bipartidismo, e o digo no sentido positivo, a cidadanía está vendo que as forzas progresistas están tratando constantemente de facer proxectos de unidade que xustamente sobrepasen ao proxecto anterior unha vez que este empeza a aburguesarse ou a frouxear. E creo que ese tipo de sustitución histórica non son intrísecamente malas a non ser que nazan das diferencias persoas ou de arbitrariades.

 

  • Con todo, faise difícil tamén escoitarvos falar da “candidatura da unidade”…

Si, pero é que por exemplo, o que propón Sumar é unha candidatura de unidade. Un non pode unirse a alguén secuestrando ou obrigando a nada. Pero a diferencia é a actitude: uns pretenden a unidade e chaman a ela e outros nin sequera atenden a ese chamamento, que ademais en política é unha obriga en si mesma, e que se sinten propietarios dun espazo e creo que esa diferencia de actitude é clave para diferenciar os proxectos.

 

  • Que diferencias programáticas fundamentais podes sinalar entre o programa de Marea e o de Podemos-EU? Como convencer á veciñanza que está indecisa entre estas dúas forzas progresistas?

Non son programas iguais. Hai unha clara diferencia actitudinal. Quen non fixo políticas valentes durante 4 anos, non ten credibilidade tanto en cuestións como na parte da vivenda; como a parte da cultura e o deporte como un eixo, mesmo no vector socioeconómico.

Creo que nos procesos de mobilidade, memoria, mecanismos de participación e transparencia… cuestións que se estaban perdendo, e quen sustenou o goberno logo o que poña no programa vai ter unha lectura con menos credibilidade. Creo que hai un proxecto máis ambicioso e honesto, con máis fondura.

Tamén hai que dicir que temos un candidato con experiencia na xestión de goberno. E entendo que a cidadanía poida ter a idea de que pode haber propostas moi semellantes, mesmo co Bloque, pero creo que a gran diferencia en que os proxectos non vimos do mesmo lugar, vimos dunha etapa viciada de antemán para BNG e Marea por ter sustentado por acción ou omision as políticas deste goberno que moita cidadanía progresista están desacordo.

 

        • Que te parece a política urbanística do actual grupo de goberno?

Hai unha consideración importante, que contamos con Xiao Varela, que foi Concelleiro de Rexeneración Urbana, e está parte do seu equipo, refrendando que para nós o tema da vivenda é clave. Non só pola aprobación da primeira lei de vivenda da democracia, senón tamén porque vemos que é un problema que nunca foi solucionada.

O urbanismo sempre foi depredador, son as sombras da longa etapa socialista no goberno e creo que é escalable mesmo a nivel estatal. Creo que o gran problema que España recupera a autoestima cidadá no desarrollismo a través da incorporación da idea de que ti non vas ter mais autoestima se non tes unha propiedade. E en certo modo nunca saímos desa mentalidade. E todas as políticas postfranquistas non sobrepasan esa idea, que ten a vivenda como un valor de mercado, provocando a anulación dunha bolsa de aluguer, sobre todo nunha época cunha mobilidade laboral impresionante, na que o aluguer debería ser unha opción preferente.

E aí seguimos aferrados á propiedade e a maior construción, a pesar de vivirmos nunha cidade moi limitada. Entón como resolver eses retos. Só se resolveron por unha vía urbanística especulativa, depredadora e de construción constante. Nós propoñemos unha grande bolsa de vivenda pública de aluguer; axudas á rehabilitación; hai milleiros de vivendas baleiras… fálase de ocupacións por parte dos agoreiros e dos que queren propagar políticas do medo, pero o que vemos é desafiuzamentos. Pero ver que na Coruña vese moita máis desigualdalde, precariedade…
Todo isto hai que resolvelos con políticas claras e valentes. Neste momento hai máis vivendas turisticas, foron subindo alugueres, hai lugares de xentifricación descaradas… Se ben é verdade que parte é responsabilidade da Xunta, un Concello pode facer vivenda pública e dous o concello debe sobrepasar a súa función, e debe interaccionar e presionar a outras admininistracións, e creo que hai un goberno estatal progresista co que se pode interactuar.

Son cuestións do pasado que volven. Nótase a quen se lle poñen os ollos chirivitas… E vímolo co presidente da Autoridade Portuaria que está pensando en vivendas constatemente, e nós pensamos en servizos e equipamentos públicos, penso nun porto aberto, vivo, que siga sendo espazo económico pero tamén de lecer.
Hai que pelexar contra esas operacións especulativas. E sobre todo que non nos provoquen a sensación dos feitos consumados, de que como “isto comezou, ten que facerse”. Mira como non se tirou o edifico de Conde Fenosa, e tivo que resolvelo Xiao Varela e o goberno anterior.

 

  • Xa en pura clave electoral, semella que as enquisas non van dar maiorías absolutas. Como valorades a posibilidade de chegar a pactos de goberno? Tendes liñas vermellas fixadas?

A maioría das enquisas dan 1-2, pero coa idea de que somos unha forza de ascenso, a única que chegou e en pouco tempo xa conseguiu porcentaxes de representación, e tal como se formulou a campaña, o contacto da xente, os actos que houbo… nós si que percibimos como o proxecto é cada vez máis escoitado, querido e entendido, que vai desfacendo equívocos e medrando.
Vimos para ser relevantes, importantes, pensando sempre en gobernar, non a calquera prezo, non con cheques en branco, nunca dende a perspectiva da chantaxe.

Estamos enviando ás outras forzas políticas un contrato ético para un goberno ético e transformador no que por medio de 12 puntos pedimos establecer un primeiro contacto en clave de transparencia e ética.

Creo que a cidade merece un goberno máis valente, por todos os retos por diante como a caducidade do contrato coa compañía de tranvías e debe levar a unha nova rede do transporte público, a estación intermodal, por esa marca “Coruña Cultura Coruña Deporte”; o que falabamos da vivenda, cunha nova relación co entorno metropolitano…

Non temos liñas vermellas, creo que na política hai que vir para negociar.

 

  • E que agardas do día 28?

Tivemos pouco tempo, pero a idea é que sexa un proxecto que vén para quedar, que teña unha continuidade, e que poidamos ser determinantes nas políticas da idade, que axudemos a marcar as políticas máis progresistas da cidade da Coruña nos vindeiros anos.

ÚLTIMAS

Interceptan a un condutor que se deu á fuga en Culleredo tras chocar con tres coches

A Policía Local de Culleredo logrou dar co condutor que supostamente se deu á...

A AC Alexandre Bóveda afonda sobre a realidade Palestina

Non para a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, coa programación de marzo e abril absolutamente...

Conversa con RJ Junior, promotor do Go! Electronic Festival

A finais de verán temos na comarca veciña festival de música tecno. O 13 e 14...

Conclúe a V Semana do Cinema Galego cunha media de máis de 300 espectadores por xornada no Teatro Colón

A V edición da Semana do Cinema Galego, que se celebrou entre os días...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here