InicioCULLEREDOA VIII edición de 'Castelo Conta' animará Culleredo durante toda a próxima...

A VIII edición de ‘Castelo Conta’ animará Culleredo durante toda a próxima semana

Publicada o

Por monchomarino

O Festival ‘Castelo Conta’ celebrará a súa oitava edición na parroquia culleredense de Castelo entre o luns 21 de agosto ata o domingo 27 o festival Castelo Conta: unha semana de música, artes escénicas e festa nunha contorna privilexiada. Trátase da oitava edición deste evento que xurdiu das tradicionais festas patronais deste lugar no que vive Xosé Antonio Touriñán, director do festival cuxa organización é posible grazas ao apoio de toda a veciñanza. As seis aldeas da parroquia énchense de programación cultural, na que as artes escénicas e a música son as grandes protagonistas.

Na noite do venres actuará o Combo Viramundo de Xoel López, seguido de Muchachito One Man Band e Lamatumbá. O sábado, a festa tamén será longa cos concertos de Miguel Lamas Quartet, Salamandra e DJ Mínimo. Pero antes da fin de semana tampouco faltará música para bailar da man de diferentes artistas como Xabier Díaz, DJ Russ, Artur M. Puga, Susana Seivane, Belém Tajes ou a Familia Caamagno.

O humor é un dos piares do Castelo Conta sendo un dos momentos máis esperados a tradicional Noite dos Monólogos que todos os anos ten lugar o día grande das festas, o sábado. Conducida por Touriñán, os humoristas convidados desta vez son Pepo Suevos, David Amor, David Perdomo, Lucía Veiga, Marita Martínez, Rober Bodegas e Noemi Rodríguez. Ademais, o xoves haberá a oportunidade de rir con Corentena, o espectáculo de Touriñán e David Perdomo que esgotou as entradas da súa xira de presentación polas salas galegas. Para facer máis accesible o festival, tanto a Noite dos Monólogos como Corentena contarán con intérpretes en de lingua de signos grazas á colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

Como en todas as festas, non faltarán as comidas nas que se reunirá toda a veciñanza e visitantes, ademais dun domingo que comezará coa típica alborada seguida dunha sesión vermú amenizada pola música latina de Son Boleros. Pero tamén haberá unha peculiar andaina na tarde do sábado, na que o camiño entre as aldeas e a natureza será amenizado por gaiteiros, a charanga Mil9 e ata un concerto de Abraham Cupeiro.

O audiovisual tamén ten o seu espazo neste peculiar festival coa estrea en Castelo de ‘Nena’, a curta que vén de viaxar por diferentes festivais europeos protagonizada por Antía Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e Xosé Antonio Touriñán. Ademais, proxectarase un avance de Bechos, a nova serie de animación da Televisión de Galicia para primeiros espectadores. “Porque Castelo Conta é un espazo no que cabe todo o mundo, dos máis maiores aos máis cativos, para quen hai unha parte de programación específica, como un campamento infantil ao longo da semana ou concertos e espectáculos”.

A preservación da historia local e da memoria oral é un pilar esencial deste festival, que ten o seu propio espazo: os Contos de Castelo. Estas xuntanzas faranse nas tardes dende o luns ao venres e, conducidas cada día por un presentador ou presentadora diferente, teñen por obxectivo escoitar e recoller en formato pódcast as historias que a xente maior da parroquia conte arredor de diferentes temáticas.

Dentro dos compromisos sociais do Castelo Conta, este ano colaboramos coa ONGD Ecos do Sur, que compartirá coa veciñanza e os asistentes experiencias nos Contos de Castelo e tamén desenvolverá diferentes accións de concienciación. Haberá tamén a posibilidade de colaborar co seu labor mercando unha camiseta solidaria de edición especial do festival. Tamén, por segundo ano consecutivo, os espectáculos da noite de monólogos e ‘Corentena’ serán accesibles para persoas xordas grazas á colaboración coa FAXPG.

O Castelo Conta é o festival da comedia, da tradición oral e de cultural rural, posible un agosto máis co apoio de veciños e veciñas de Castelo e Culleredo, a Deputación da Coruña, Agadic e Turismo de Galicia, co patrocinio de Deleite, Estrella Galicia, Bodegas Méndez-Rojo e Cartçon Atlántica. Para coñecer polo miúdo a programación ou mercar entradas para os espectáculos de pago, pódese consultar casteloconta.gal.

ÚLTIMAS

Aberta a Casa dos Xoguetes para fomentar a economía circular por Nadal

Non hai outra época tan consumista como o Nadal. Para intentar calmar conciencias, para...

Prendidas 3 millóns de luces do nadal coruñés

Pablo, Etienne, Hugo e Lorena foron os encargados este ano de prender os máis...

Concello da Coruña e Xunta apelan á fortaleza do audiovisual na XVII edición de ‘Ideas para Producir’

O Concello da Coruña e a Xunta apelaron á fortaleza do audiovisual galego na...

Miranda (BNG) afirma que o final das obras de dragado da ría do Burgo será cando se volva a mariscar

A eurodeputada do BNG Ana Miranda asegurou que o final das obras de dragado...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here