InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOALERTA POLA PRESENZA DE MOSQUITO TIGRE EN GALICIA… SON UNHA AMEAZA?

ALERTA POLA PRESENZA DE MOSQUITO TIGRE EN GALICIA… SON UNHA AMEAZA?

Publicada o

Por Pablo Rodríguez Silva

Na lista de especies exóticas invasoras que atopamos na nosa comunidade temos un novo membro. Por se a aparición da avespa velutina non fora suficiente outro insecto súmase á lista de especies avistadas nos últimos anos. E é que a primeira, a velutina, leva con nós polo menos desde 2012, cando se detectaba no Rosal e en Burela. De xaneiro a xuño deste ano houbo uns 5000 avisos de retirada dos seus niños en 311 concellos… A expansión foi (e segue sendo) brutal.

O mosquito tigre (Aedes albopictus) é outra especie proveniente de Asia que vén de detectarse por primeira vez na nosa comunidade hai un mes escaso. Concretamente o 9 de agosto a Xunta avisou do primeiro avistamento en Moaña. Desde entón, hai uns 100 máis na zona de Vigo e arredores. A gran diferenza coa avespa velutina é que este díptero é vector de virus moi graves coma o do dengue, o chikungunya ou o Zika. É dicir, que se a saliva do animal está contaminada por un destes virus (que tivo que succionar previamente dunha persoa que tivese a enfermidade), podería potencialmente transmitila ao seguinte en ser picado… Por fortuna, os exemplares de mosquito tigre atopados na zona de Vigo que se analizaron non portaban ningún deses virus. En realidade, a probabilidade de que isto ocorra é bastante baixa. De feito, noutras comunidades onde o mosquito tigre xa está asentado tan só houbo uns poucos casos illados de dengue (xa nos anos 2018 e 2019). Iso si, a picada do mosquito tigre é forte, máis molesta que a dos típicos mosquitos que estamos acostumados a ver, xa que a maioría pertenecen á especie Culex pipiens, a máis estendida en Galicia. Por certo, esta especie tamén pode ser vector dalgunhas enfermidades, e non é a única…

Centrándonos no mosquito tigre, e segundo investigou Stéphanie Sherpa e colaboradores en 2019, parece que a súa vía de entrada foi a través de barcos que chegaron de Asia a Estados Unidos, e de aí a Europa, a finais da década dos 70. Curiosamente a súa dispersión polo noso continente desde esa época ata agora coincide moi ben coa aparición de redes de comunicación entre rexións nesas épocas (autoestradas, trens, barcos…), que axudaron a que fose chegando pouco a pouco a, hoxe en día, estar presente xa en todos os continentes (salvo a Antártida). E como xa dixemos, desde hai un mes (que saibamos), a Galicia.

En todo caso, e a pesar de que houbo brotes de enfermidades transmitidas por este mosquito en Europa desde hai décadas, todas dependeron de que tivo que chegar una persoa infectada ata o territorio onde se atopan. Isto significa que a súa presenza non necesariamente trae virus de ningún tipo, pero se o virus chega ata onde eles están poden contribuir a espallalo e provocar un brote. Por tanto, cómpre extremar a precaucións para evitar este tipo de episodios.

Así que, tal e como indican desde a Dirección Xeral de Saúde Pública, é recomendable minimizar os riscos de picaduras e, no caso de producirse, actuar de xeito apropiado. Unha serie de recomendacións para isto podería ser esta:

  • Elimina focos de cría. A fase larvaria dos mosquitos desenvólvese en auga líquida. Por iso, é importante manter limpas e secas as zonas propensas a acumular auga, como pratos de macetas, bebedoiros, canlóns ou sumidoiros.
  • Evita colocarte baixo a sombra. As zonas resgardadas do sol son as zonas de descanso favoritas dos mosquitos, especialmente se tamén conservan certa humidade.
  • Usa repelentes adecuados. Os que conteñen DEET, Icaridin ou IR3535, recomendados pola OMS, son os máis efectivos. Estes alteran os receptores dos mosquitos impedíndolles pousarse sobre as persoas. Cabe mencionar, que para aplicar certos repelentes deben terse conta a idade e condicións de cada persoa.
  • Respecta os insectívoros. Animais como as arañas, as libélulas, as ras ou os sapos efectuarán un control biolóxico que manterá a zona libre de mosquitos.
  • Instala mosquiteras en xanelas e camas para non ter que renunciar ás xanelas abertas.
  • Pon un ventilador ou o aire acondicionado. Os mosquitos non son bos voadores e a mínima corrente de aire desestabilízaos.
  • Vístete con roupa folgada que cubra a pel. Especialmente durante o atardecer e a noite é recomendable vestir con mangas longas, pantalóns longos e calcetíns, evitando, así, estar exposto a picaduras.
  • Non te rasques as picaduras. Rascarse pode chegar a aliviar a sensación de picazón de forma momentánea. Con todo, facelo de forma insistente, pode provocar máis hinchazón, proído e mesmo unha infección cutánea.
  • Aplica frío na zona afectada. A aplicación de frío local -auga ou xeo- ou amoníaco diluído permite evitar que a saliva do mosquito esténdase e, por tanto, tamén a inflamación.
  • En caso de reacción alérxica, acode a un médico. Mentres para algúns unha picadura non provoca ningún efecto, a outros pode conlevarlles unha grave reacción alérxica. Nestes casos, o mellor é acudir a un médico para que che avalíe e recéiteche, en caso de necesidade, un antihistamínico ou unha crema con corticoides.

Parece, voltando ao caso da avespa velutina, que a expansión desta pode servirnos de exemplo para imaxinarnos o que pode ocorrer co mosquito tigre. Outra especie máis que, aproveitando a globalización, as infraestruturas que comunican uns lugares con outros, os transportes que circulan por todo o mundo, etc., atopou na nosa comunidade un lugar no que asentarse e, probablemente, convertirse nunha especie coa que deberemos convivir nos próximos anos. Veremos se esta expansión non supón ningunha epidemia coa que teñamos que lidiar nun futuro.

 

DANOS COLATERAIS DO MOSQUITO TIGRE

A ameaza do mosquito tigre (Aedes albopictus) acaba de aparecer na nosa comunidade e ten toda a pinta de que vai a ser así por moito tempo. Dada a importancia que ten esta especie desde o punto de vista sanitario, xa que pode transmitir enfermidades graves coma o dengue, moitas persoas reaccionan (cousa comprensible por outra banda) agresivamente ante calquera animal que se pareza. Os mosquitos gozan de moi mala prensa con razón, xa que toda a súa familia (Culícidos chámanse) caracterízase por estar formada por insectos hematófagos (que se alimentan de sangue), especialmente as femias, xa que necesitan un extra de nutrientes para sacar adiante as súas postas de ovos. Os resultados das súas picadas son de sobra coñecidos e as enfermidades que poden transmitir, tamén. Sen embargo, non todos os insectos que se parecen aos mosquitos pican e, de feito, moitos teñen a súa importancia nos ecosistemas e están “pagando o pato” de ter un aire con estes. Sirva este artigo como unha guía para non confundir o mosquito tigre coa especie de mosquito máis estendida en Galicia e con outros damnificados.

O mosquito tigre (nas primeira foto) ten o corpo negro, e son moi características as bandas brancas nas patas e unha liña negra na cabeza. Son pequenos, non soen pasar dun centímetro de longo, e é frecuente velos de día (sobre todo ao amencer e ao atardecer)

O mosquito común (Culex pipiens) é o máis abundante, de tamaño similar ao mosquito tigre, pero sen esas características bandas brancas nun corpo negro. Hai varias especies similares, pero a que nos ocupa ten un corpo de coloración marrón ou amarelento sen nada especialmente chamativo. É unha especie eminentemente nocturna, así que é o momento no que soen picar e incluso despertarnos co seu molesto zumbido.

mosca tipula atopada en muxia
Unha típula atopada en Muxía

Unhas das especies máis confundidas co mosquito tigre son as pobres típulas (tamén chamadas “mosquitos xigantes”), que nin pertenecen á familia dos mosquitos (son Tipúlidos), son de moito maior tamaño (coas patas incluso varios centímetros), e non posúen a capacidade de picar. Aliméntanse do néctar das flores e, por tanto, axudan á polinización das plantas.  De ver unha o mellor sería deixala ir para que continuase con esta necesaria labor. No seu debe, que algunha das súas especies (sobre todo do xénero Nephrotoma, como N. flavipalpis) ten o corpo atigrado. Un simple vistazo ás súas enormes ás, ao seu tamaño tamén moi grande, e ao seu voo torpón e lento, deberían bastar para deixalas ir…

E por último, outro dos insectos que tamén sufre o drama de ser confundido co mosquito tigre son os asílidos, outra familia de varias especies, chamadas moscas asasinas. Este terrorífico nome débese á súa dieta baseada en outras moscas, abellas, saltóns, etc., aos que asexan e ensartan coa súa probóscide, que inxecta un líquido que disolve á presa, que succionan a continuación. Son bastante grandes (ata uns dous ou tres centímetros), peludas, co corpo con bandas escuras e claras.

Sirvan as seguintes fotos para intentar distinguilas e respectar aos insectos que axudan nos nosos ecosistemas…

Culex pipiens. Foto de Donald Hobern
Culex pipiens. Foto de Donald Hobern
Asílido. Foto de Ferrán Turmo Gort
Asílido. Foto de Ferrán Turmo Gort

 

  • Pablo Rodríguez Silva. Biólogo e docente no IES de Trazo

ÚLTIMAS

Olladas doutro tempo: Estación do Norte

“Despois de longos anos de dolorosa espera, durante os cales outras comarcas da Nación,...

Demandan un acordo institucional para instar ao Estado a que non apele a sentenza sobre a cesión do antigo cárcere

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña demandou un acordo entre administracións, institucións e...

Piden catro anos de cárcere para un vendedor de droga na confluencia entre Monelos e Pérez Ardá

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará o martes, día 3, o xuízo contra...

Convocan dous días de folga na obra de acceso ferroviario a Punta Langosteira

O comité de empresa da UTE Acceso Porto Exterior A Coruña convocou dous días de...

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here