InicioCULTURAAqueles marabillosos oitentas

Aqueles marabillosos oitentas

Publicada o

Por Beatriz Alfonso Espiñeira

Fai uns días acudín á inauguración da exposición fotográfica “A invasión galega da movida madrileña nos ollos de Marivi Ibarrola”, na fermosa Casa Museo Casares Quiroga, na tamén fermosa rúa Panaderas, dentro do ciclo Elas son artistas.

Espertoume o interese que a propia Marivi presentaría as súas fotos, e que Silvia Penide tocaría uns temas oitenteiros.

Sorte que fun porque descubrín a unha muller espontánea e chea de enerxía, na súa sesentena, co seu pelo vermello, que con entusiasmo e sen ancorarse na nostalxia (esa maldita!) foi explicando, a súa maneira chea de recordos e anécdotas e nada técnica, todas e cada unha das fotos da expo.

A primeira parte céntrase na sociedade do Madrid da época, ávida de cambio e renovación en tódolos eidos, incluido a cultura.

A segunda é un percorrido polos grupos e artistas da década: Mecano, Parálisis Permanente, Kortatu, Santiago Auserón, Antonio Vega, Alaska… e insignes visitas extranxeiras coma David Bowie, Nina Hagen, Andy Warhol ou Joe Strummer.

A terceira parte amósanos fotos do “eixe atlántico”, eses grupos, solistas e artistas galegos que recalaron na capital buscando o caldo de cultivo creativo que aínda non chegara, ou non con tanta intensidade, a esta esquina da península. Aí atopamos a Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Reixa, Siniestro Total, Germán Coppini ou Víctor Abundacia.

Chamoume a atención (quizás a vós tamén) o estado un pouco calamitoso dalgunhas fotografías, e Marivi explicou que se son os orixinais dos anos oitenta, e que cando o comisario lle pediu copias novas ela non podía nin moverse do sofá porque Madrid estaba inmersa nunha tremenda vaga de calor.

Tamén falou do entusiasmo e a naturalidade como características das súas fotos e do momento, e aí teño que recoñecer que me perdín un pouco nas miñas reflexións sobre esa perda de espontaneidade que nos acecha cando medramos e adquirimos sentidiño.

E tamén comecei a teletransportarme a uns anos puros e felices, a miña nenez, e recordeime cantando e bailando Marta tiene un marcapasos ante unha cámara de vídeo no traballo do meu pai (non todos tiñamos cámara na casa), desafinando coas miñas amigas no patio das Josefinas (agora edificio de oficinas) algunha canción de Mecano ou Pegamoides ou Os Resentidos (eramos eclécticas si),  berreando xa preadolescente “punky de postal punk de escaparate, moda punk en Galerías, muy punk!” (que boa!) de La Polla Records.

Espertoume das miñas ensoñacións a doce voz de Silvia Penide cunhas bonitas versión de “No mires a los ojos de la gente” e “Ni tú ni nadie”. Que mellor maneira de voltar á realidade, verdade?.

Así que xa sabedes, se queredes saltar no tempo e retroceder corenta anos, recordar (ou descobrir) aqueles marabillosos anos, a expo de Marivi agárdavos ata o 4 de outubro.bea alfonso

  • Beatriz Alfonso. Xurista, iogui en grao de tentativa e lectora apaixoada.

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

ÚLTIMAS

A intervención en Olmos medra implicando á rapazada

Non para o Colectivo In Nave Civitas e a asociación cultural O Mural intentando...

Alerta amarela este luns en zonas da Coruña por choivas que poderán superar os 40 l/m2 en 12 horas

O oeste e suroeste da Coruña estarán este luns en alerta amarela por choiva,...

Piden 5 anos de cárcere dúas mulleres que compraron unha gasolineira a pesar de non ter solvencia en Ferrol

A Audiencia Provincial da Coruña acollerá o vindeiro martes o xuízo contra dúas mulleres...

Medio centenar de persoas en salvamento, socorrismo e atención médica na inauguración da tempada de praias na Coruña

O Concello da Coruña iniciou este sábado a nova tempada de praias, coa incorporación...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here