InicioBARRIOSOlladas doutro tempo: Panorámicas e Vidros

Olladas doutro tempo: Panorámicas e Vidros

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán
Fragmento de _Panorámica da Coruña_, José Sellier_ 1899
Fragmento de “Panorámica da Coruña”. José Sellier. 1899

Os Castros sempre foi un mirador privilexiado, con certa altura e un ángulo grande de visión cara á bahía coruñesa. Sabíao ben José Sellier, quen frecuentaba a zona porque tiña unha finca nos arredores. Dende alí capturou varias panorámicas da cidade, pero el non foi o primeiro en acadar unha vista tan ampla. Ese sería Antonio Avrillón, de xeito moi artesanal, unindo tres imaxes tomadas dende un mesmo lugar. A súa “Vista da Coruña” datada na década de 1860 (probablemente do 1868) estivo durante moito tempo considerada a fotografía máis antiga da nosa cidade.

As dúas panorámicas non teñen exactamente o mesmo punto de vista. E son moito máis extensas, pero aquí vemos o tramo que vai dende o Teatro Principal -hoxe Teatro Rosalía de Castro- á esquerda, ata o enorme edificio da dereita, o Cuartel do Príncipe Alfonso -hoxe Cuartel de Atocha-. Centrámonos nese anaco das fotografías polo que ocorre entre unha e a outra na liña de costa. Na de Avrillon aparece no centro un espazo oscuro, baleiro, é o Campo da Derruba. Nese desnivel dende o cuartel ata o mar, xurdirá a Praza de María Pita, a cal pecharáse con edificios de fachada acristalada. Pero nese intre, tan só hai un erguido, vémolo entre os paus de dous barcos. Corresponde co nº 20 de María Pita e o nº 2 da Rúa da Fama, e comezouse a construir en 1865. En cambio, tres décadas máis tarde, Sellier capta case toda esa liña marítima xa acristalada, ocultando as pequenas casas mariñeiras dunha beira e a praza doutra.

A galería é unha solución construtiva ideal para a climatoloxía costeira galega, xa que crea unha cámara de ar, a modo de colchón climático, á vez que reduce as correntes no interior dos edificios. A aparición no mercado do vidro plano e cortado foi o que fixo que primeiro se  empregase este elemento nas popas dos barcos, para saltar despois a terra, pechando balcóns corridos. A partir de aí, pasaría a proxectarse en fachadas enteiras. Cidades coma Vitoria, Ferrol ou Coruña viviron esta febre pola arquitectura do vidro na segunda metade do século XIX.

No caso coruñés ten moita culpa a fábrica de vidro e cristal “La Coruñesa”. Fundada en 1830 e situada na rúa Hospital, sobre a praia do Orzán, no mesmo espazo onde hoxe está o colexio Salesianos. Dispoñía de varios tipos de fornos para produtos distintos, e na época das fotografías chegou a dar traballo a máis de 200 operarios. Parte importante deses traballadores eran estranxeiros, persoal cualificado que viña de lugares con máis experiencia no traballo do vidro. É o caso de varias familias francesas. Entre elas os Avrillón e os Sellier, que darían lugar a dúas sagas de fotógrafos. Vemos deste xeito que nese edificio industrial conflúen as dúas historias: a da construción da identidade coruñesa a base de novos materiais e a dos artistas que documentarán ese cambio.

Hai moitos puntos nos que nos fixar e gozar nestas dúas instantáneas, coma o tráfico marítimo da época, con eses impoñentes veleiros, os muíños que asoman por riba de Monte Alto, ou tamén esa liña de costa aínda non recheada, a moi poucos metros dos edificios. Pero é posible que o máis destacado do contraste destas dúas fotografías sexa asistir á aparición do que aínda hoxe segue a ser a imaxe maís recoñecible da Coruña. Estamos a ver o nacemento da cidade de cristal.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

A Coruña prorroga os orzamentos para 2025 tras non chegar a un acordo PSdeG e BNG

O goberno local da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno, a prórroga dos orzamentos para 2025 tras...

Oda aos Festivais de Nadal

Saímos do festival de Nadal da nosa filla. É o noso penúltimo festival de...

Mobilización da comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña pedindo “melloras urxentes” no centro

Representantes da comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña mobilizáronse para demandar "melloras...

A reurbanización dos Cantóns comezará a comezos de 2025 e durará 20 meses

Anunciada no mes de xuño, o Concello da Coruña vén de adxudicar hoxe a...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here