InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Campo do Carballo e Camiño Novo

Olladas doutro tempo: Campo do Carballo e Camiño Novo

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Cheminea de ladrillo, edificios de uso industrial pechados por unha tapia branca, que continúa cun conxunto de vivendas. Todo iso perfiado por un camiño que parte a imaxe de esquerda a dereita: o Camiño Novo. A súa dirección continúa sendo cara a Castela, aínda que agora leva o nome do alcalde Juan Flórez. E ó camiño do fondo que sube en diagonal unindo edificios aillados agora chámanlle avenida, pero segue a levar a Fisterra.

Estas dúas vías confluían uns metros máis abaixo, á dereita, fóra de plano, na actual Praza de Pontevedra. Antigamente chegaban a ese punto para comunicar a cidade co exterior a través da chamada Porta da Torre de Arriba. Xusto ó sair do espazo urbán, cruzando a liña da antiga muralla que debuxa a recta de Juana de Vega, atopábase o Campo do Carballo, un espazo baleiro, ermo, cruzado por camiños de terra e que contrastaba cunha urbe que na fotografía semella estar moi lonxe de alí, a pesar de distar tan só uns metros. As edificacións protagonistas da imaxe seguían a liña de Juán Flórez que vai dende Médico Rodríguez ata a praciña que atopamos antes da intersección coa rúa Ferrol e a Sinfónica de Galicia. O que vemos en primeiro plano sería a zona da actual Praza de Lugo, e pode que o fotógrafo esté a empregar algún resto da antiga muralla para acadar a súa posición elevada.

As vivendas que vemos á dereita ocupaban a actual esquina do hotel Hesperia. Tratábase dunha construcion modesta, cun gran patio central a modo de corralón onde era tipico que se  desenrolara a vida comunitaria da veciñanza. E á esquerda, destaca a fábrica textil chamada “Primera Coruñesa”, que no momento da instantánea levaba uns poucos anos en funcionamento. En 1886, Antonio Rey Escariz describe esta factoría coma “unhas das primeiras da península” na súa clase. Tamén fai referencia á súa máquina de forza de corenta cabalos, que podíase elevar ata oitenta, todo un alarde neses tempos. Alí fabricábanse fiados e tecidos de algodón, e para iso dispoñían de dous batáns, oito cardas, seis máquinas de fiar e máis de cen teares. Traballaban nela duascentas persoas, das cales cento sesenta eran mulleres.

A fábrica desapareceu nos anos sesenta do século XX, pero para entón xa non era posible acadar esta vista tan profunda que nos está a amosar a cámara de Mendía. Dende a Praza de Lugo ata os altos de San Pedro de Visma nun só golpe de vista. Tres anos despois da imaxe, comezarase a facer realidade o Primeiro Ensanche coruñés, desaparecendo así o Campo do Carballo. A súa grande extensión é ocupada por varias rúas e prazas, anacos máis pequenos pero que levarán nomes moito máis grandes: Pontevedra, Lugo, Ferrol, Betanzos, Teresa Herrera, Rosalía de Castro…  Pero non será o único topónimo que desaparece. Máis á esquerda do que vemos na imaxe as hortas de Garás deixarán paso a Vigo, Federico Tapia ou Marcial del Adalid. E o Camiño Novo vai mudar a Juán Flórez en 1900.

Son nomes que se van perdendo ó mesmo ritmo ó que as cidades estan a se espallar, engulindo as zonas rurais que as rodean. Pero non debemos esquecelos, xa sexa pola sonoridade dos nomes doutro tempo, polo recordo da súa época, ou ben polo seu valor cultural, xa que a toponimia forma parte do patrimonio inmaterial galego.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Trasladados ao xulgado os dous detidos na Coruña por enfrontamentos coa Policía antes do partido Dépor-Málaga

As dúas persoas detidas por enfrontamentos coa Policía na Coruña antes do partido do Real Club...

A Xunta lanza unha liña de prestamos con 10 millóns para apoiar a empresas na provincia da Coruña

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns a creación dunha liña de...

A Coruña contará no 2026 cun programa de atención á soidade non desexada

O Concello da Coruña vai pór en marcha o Programa Municipal Experimental de Atención...

A comunidade educativa dos coles de Oleiros únense nunha concentración contra os recortes

Este mércores 9 de outubro, a comunidade escolar dos colexios Juana de Vega e...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here